Bugalliña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A bugalliña é un xogo tradicional galego practicado unicamente por mulleres. Estivo arraigado na comarca do Ribeiro ata que soamente se xogou na parroquia de Santo Estevo de Nóvoa, pertencente ao concello de Carballeda de Avia. Até a data non se atopou nada similar nin dentro nin fóra de Galicia.[1]

O xogo aparece mencionado nun un estudo da Universidade de Santiago de Compostela do ano 2009, que recolle 64 xogos tradicionais galegos que se seguen a practicar, moitos en risco de desaparecer.[2]

A bugalliña é un dos poucos xogos tradicionais femininos que subsisten. É un xogo considerado dos máis raros ou complicados porque ten moitas regras.[3][4]

A xornalista June Fernández inclúe no seu libro 10 Ingobernables. Historias de transgresión y rebeldía, un capítulo dedicado á bugalliña, visibilizando a loita pola supervivencia deste xogo tradicional de mulleres. Manuela Vázquez Coto, investigadora sobre os xogos tradicionais practicados exclusivamente por mulleres adultas, achéganos á historia da bugalliña e as súas regras de xogo. Escribiu varios artigos e participado en diversas xornadas nas que difunde e axuda a facer visible este particular xogo en perigo de extinción.[1][5][6]

O xogo[editar | editar a fonte]

A bugalliña xógase nun recinto ao aire libre, preferiblemente sobre unha superficie de terra. No centro do chan hai un pequeno burato, chamado burata, onde hai que encaixar as bólas de madeira coas que se xoga. Son dúas pezas ovaladas do tamaño dunha landra gorda. Nas súas orixes xogábase cos bugallos dos carballos, os tumores que lles saen ás árbores pola actividade parasitaria dos insectos. Probablemente desa denominación vén o nome do xogo bugalliña.[1]

O xogo é unha mestura entre a petanca e o xogo das bólas. Fanse dous equipos e xóganse en quendas por parellas de adversarias. Empeza a partida unha, lanzando a bóla desde o fondo da pista co obxectivo de encaixala na burata. Se acerta, volve xogar. Se falla, tócalle ao outro equipo, que pode lanzar á burata ou tentar golpear a bóla do equipo adversario.

Os tantos varían en función do tipo de xogada, dependendo da distancia do lanzamento, se se encaixa no burato son 4 puntos e 1 punto se se golpea desde cerca. Serán 2 puntos se se golpea a bóla do outro equipo. A conta dos marcadores iníciase en 12 puntos. Gaña o equipo que alcanza 24 puntos exactos. Ademais, cando chegan a 22 puntos súmase automaticamente 1 punto, desta maneira soamente se pode gañar cunha xogada que valla un só punto: meter a bóla na burata desde cerca.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]