Boliviana de Aviación, tamén coñecida sinxelamente como BoA, é a aeroliña nacional de Bolivia e é de propiedade estatal na súa totalidade. Foi creada en outubro de 2007 e comezou a operar en marzo de 2009. A compañía ten a súa sede en Cochabamba e o seu principal centro de conexións está no aeroporto Jorge Wilstermann, con cidades focais no aeroporto internacional El Alto e no aeroporto Viru Viru. A meirande parte dos seus voos internacionais, incluíndo os de longa distancia cara Madrid e Miami, operan dende Viru Viru, en Santa Cruz de la Sierra. Boliviana de Aviación voa cara 13 destinos en 5 países e é a aeroliña máis grande do país en termos de frota e pasaxeiros transportados.
Boliviana de Aviación creouse como unha empresa estatal polo goberno do presidente Evo Morales como sucesora da anterior aeroliña de bandeira Lloyd Aéreo Boliviano (LAB), que cesou as súas operacións despois de 87 anos de actividade en 2011. Despois da desaparición da segunda aeroliña máis grande do país, AeroSur, Boliviana de Aviación expandiu a súa rede e converteuse na única gran aeroliña de Bolivia, chegando a controlar o 82% do mercado nacional en 2012.[1]