O cogomelo do Boletus satanas ten un chapeu que pode chegar a medir até 25 ou 30cm de diámetro, moi groso e compacto, cunha cutícula que vai do branco agrisado ao verde oliva moi pálido. A súa forma pasa de ser case esférica coas marxes enroladas e de textura lixeiramente aveludada, a abrirse e coller unha forma convexa e textura lisa na madurez. Os poros na zona inferior do chapeu son dunha cor amarelenta nas fases temperás, pasando despois ao alaranxado, tomando finalmente un ton vermello. O pé do corpo frutífero mide entre 5 e 12cm de longo por entre 4 e 10cm de largo, é curto e ten un aspecto bochudo. En fases temperás, o pé é amarelento na parte superior, vermello na parte central e pardo arroibado na base. En fases máis maduras colle unha cor avermellada na súa totalidade e se mancha de azul ao tacto, principalmente na parte inferior. A súa carne é compacta e branca ou amarelenta. Ao cortarla colle un ton cinsento e despois azulado. O seu cheiro é desagradábel e o seu sabor doce. A súa esporada é de cor verde oliva.