Besta do Gévaudan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Besta de Gévaudan»)

A Besta do Gévaudan (en francés Bête du Gévaudan) foi un animal feroz que aterrorizou a rexión francesa do Gévaudan a finais do século XVIII. Desde o punto de vista histórico, o animal existiu, tendo sido documentados os ataques, os corpos das vítimas, as descricións dos sobreviventes do animal que os atacou, habendo rexistros de que o animal foi cazado, morto e tivo o seu corpo exhibido na corte de Lois XV.

Segundo as descricións, a súa pel tiña un ton avermellado, e dicíase que emitía un cheiro insoportable. Mataba as súas vítimas rasgando as súas gargantas cos dentes. O número de vítimas varía de acordo coa fonte. De Beaufort (1987) estimou 210 ataques, resultando en 113 mortes e 49 feridos, 98 das vítimas mortas foron parcialmente comestas.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Besta do Gévaudan

O Gévaudan, zona que pertence ó Languedoc (sur de Francia), foi dende sempre unha zona onde os ataques de lobos ós rabaños eran frecuentes. Porén, o 30 de xuño de 1764 e por primeira vez, unha rapaciña de 14 anos (Jeanne Boulet) é asasinada cerca de Langogne, un pobo pertencente ó departamento francés da Lozère.[2] E tras esta primeira vítima seguiron outras, tratándose sempre de nenos (curiosamente, ningún dos homes mortos pasaba dos dezaseis anos) e mulleres dos que os corpos se atopaban mutilados cunha violencia descoñecida ata entón, decapitados ou destripados.[2] Logo segue unha extensa lista de ataques: outra meniña o 8 de agosto en Mas Méjean, dous rapaces de 15 anos entre finais deste mes e primeiros de setembro, unha muller de 36 anos no mesmo xardín da súa casa de Estrets... Este tipo de ataques fai pensar nunha besta que, dalgún modo "escollía" as súas vítimas entre os máis débiles.

Fixéronse na rexión numerosas batidas para darlle caza ó animal, organizadas moitas veces por nobres da zona, como o Marqués de Apcher ou o Conde de Morangias, pero sempre sen resultado. As noticias dos ataques da "besta" acaba chegando ata a Corte, en París, e o rei Louis XV vese obrigado a responder dalgún xeito ás demandas cada vez máis insistentes dos campesiños,[2] a pesar de estar totalmente inmerso na guerra polas colonias de América contra Inglaterra, polo que decide ofrecer seis mil libras de recompensa a quen mate á besta.

O lobo morto por Antoine o 21 de setembro de 1765, exposto na corte de Lois XV.

O 21 de setembro de 1765, foi abatido un grande animal que foi identificado como a “Besta”, por Antoine de Beauterne. Este animal pesaba 64 quilos, tiña 87 centímetros de altura e 183 centímetros de lonxitude total. O lobo foi chamado de Le Loup de Chazes. Antoine oficialmente declarou: "Nós declaramos polo presente relatorio, asinado polas nosas mans, que nunca vimos un lobo tan grande que podería ser comparado con este, é por iso que nós estimamos esta podería ser a temible besta que causou tanto dano."[1] O animal foi empallado e enviado para Versalles, onde Antoine foi recibido como un heroe, recibindo unha grande suma de diñeiro, ben como títulos e premios[1]. Entre tanto, o 2 de decembro do mesmo ano, foron relatados novos ataques a dous pícaros que ficaron gravemente feridos. Decenas de casos de ataques foron novamente relatados.

O asasinato da segunda criatura que, eventualmente, marcou a fin dos ataques, é acreditado a un cazador local, Jean Chastel, en Sogne d'Auvers o 19 de xuño de 1767. Segundo os dados da época, este animal pesaba 58 quilos, e foi morto cunha bala de prata bendicida por un padre, sendo este o primeiro rexistro dese tipo de caza, despois popularizada nas buscas do lobishome[3]. Ao ser aberto, no estómago do animal foi mostrado por conter restos humanos.[1]

Criptozooloxía[editar | editar a fonte]

Certos criptozooloxistas suxiren que a Besta podería ser unha reminiscencia dun mesoniquídeo, observando como algunhas testemuñas describiran o animal, como un lobo enorme con cascos en vez de patas e era maior que calquera lobo de tamaño normal[4].

En outubro de 2009, o canal History exhibiu un documental chamado A Real Wolfman, que argumentou que era un animal exótico da forma dunha hiena asiática, unha especie de peluda Hyaenidae agora extinta na Europa[5].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Norsk Institutt for Naturforskning (ed.). "The Fear of Wolves: A Review of Wolf Attacks on Humans" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31 de xaneiro de 2012. Consultado o 22 de decembro de 2011. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Edson Bini (2004). Marco Zero, ed. Homens, Lobos e Lobisomens. As histórias mais fascinantes (en portugués). São Paulo. pp. 296 (25–26). ISBN 978-85-279-0358-5. 
  3. Robert Jackson (1995). Devizes, Quintet Publishing, ed. Witchcraft and the Occult. pp. 25. ISBN 1-85348-888-7. 
  4. Hall, Jamie (2007). "The Cryptid Zoo: Mesonychids in Cryptozoology". Consultado o 22 de decembro de 2011. 
  5. "The Real Wolfman". History Alive. Tempada 4. Episodio 16. History. Arquivado dende o orixinal o 03 de agosto de 2011. Consultado o 22 de decembro de 2011.