Benz Patent-Motorwagen
Benz Patent-Motorwagen | |
Fabricante | Rheinische Gasmotorenfabrik Benz & Cie. (coñecido hoxe como Mercedes-Benz) |
País | Alemaña |
Montaxe | De |
Período | 1886-1893 |
Configuración | |
Carrozaría | Triciclo chasis tubular |
Dimensións | |
Lonxitude | 2700 mm |
Anchura | 1400 mm |
Altura | 450 mm |
Peso | 265 kg |
Características técnicas | |
Motor | Motor monocilíndrico de 954cc con 0'7 CV |
Modelos relacionados | |
Sucesor | Benz Velo |
O Benz Patent-Motorwagen (en galego: "coche de motor patentado"), construído en 1885, é amplamente considerado como o primeiro automóbil de produción do mundo,[1] é dicir, un vehículo deseñado para ser propulsado por un motor de combustión interna. O custo orixinal do vehículo en 1885 era de 600 marcos de ouro alemán,[2] aproximadamente 150 dólares estadounidenses (3.600 euros de 2017).
O vehículo foi galardoado coa patente alemá número 37435, para a que Karl Benz aplicou o 29 de xaneiro de 1886. Seguindo os procedementos oficiais, a data da solicitude converteuse na data de patente da invención unha vez concedida a patente, que se produciu en novembro dese ano.
A esposa de Benz, Bertha Benz, financiou o proceso de desenvolvemento. De acordo coa lei moderna, tería recibido os dereitos de patente, pero as mulleres casadas non tiñan permiso para solicitar patentes nese intre.[3]
Benz deu a coñecer o seu invento ao público o 3 de xullo de 1886, na Ringstrasse en Mannheim.
Ao redor de 25 exemplares do Patent-Motorwagen construíronse entre 1886 e 1893.
Especificacións
[editar | editar a fonte]Despois de desenvolver un exitoso motor de pistón de dous tempos en 1873, Benz centrouse no desenvolvemento dun vehículo motorizado mentres mantiña unha carreira como deseñador e fabricante de motores fixos xunto cos seus socios.
O Benz Patent-Motorwagen era un automóbil de tres rodas cun motor de tracción traseira. O vehículo contiña moitas novas invencións. Construíuse con tubos de aceiro con paneis de madeira. As rodas con pinas de aceiro e pneumáticos de caucho sólido eran un deseño propio de Benz. A dirección era a través dunha cremalleira e piñón que pivotaba a roda dianteira sen avanzar. Utilizáronse resortes totalmente elípticos na parte traseira xunto cun eixo ríxido e cadea de transmisión en ambos os dous lados. Un sistema de correas simple serviu como transmisión mecánica dunha soa velocidade, variando o torque entre un disco aberto e un drive disc.
O primeiro Motorwagen usou o motor Benz 954 cc de cilindro único de catro tempos con ignición trembler coil.[4] Este novo motor producía 2/3 hp a 250 rpm no Patent-Motorwagen, aínda que as probas posteriores realizadas pola Universidade de Mannheim demostraron que era capaz de 0.9 hp a 400 rpm. Foi un motor moi lixeiro para a época, pesando sobre 100 kg. Aínda que o seu cárter aberto e o seu sistema de engraxe por goteo resultan alleo a un mecánico moderno, o uso dunha válvula de asento para o escape sería bastante familiar. Un gran volante de inercia horizontal estabilizaba a saída de potencia do motor dun só cilindro. Un carburador evaporativo controlado por unha válvula de camisa regulaba a potencia e a velocidade do motor. O primeiro modelo do Motorwagen non se construíu cun carburador, senón unha base de fibras empapadas de combustible que proporcionaba combustible ao cilindro por evaporación.
Benz máis tarde fixo máis modelos do Motorwagen: o modelo nº 2 tiña o motor 1.5 hp (1.1 kW), e o número 3, de 2 hp, permitindo que o vehículo alcance unha velocidade máxima de aproximadamente 16 km/h. O chasis foi mellorado en 1887 coa introdución de rodas de radios de madeira, tanque de combustible e un freo de tambor manual nas rodas traseiras.
Viaxe histórica de Bertha Benz
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Bertha Benz Memorial Route.
Bertha Benz, a esposa de Karl, cuxa dote financiou a súa empresa, realizou a primeira viaxe de automóbil de longa distancia para demostrar a viabilidade do Benz Patent-Motorwagen Nº3. A principios de agosto de 1888, e ao parecer sen o coñecemento de Karl, Bertha viaxou cos seus fillos Eugen e Richard (de 15 e 13 anos, respectivamente) dende Mannheim a través de Heidelberg e Wiesloch até a súa cidade natal, Pforzheim.[5] Ademais de conducir o automóbil, Benz actuou como mecánica. Limpou o carburador cun alfinete do seu sombreiro e usou unha liga para illar un fío. En Wiesloch tivo que comprar na farmacia local uns litros de ligroína, o carburante co que funcionaba o vehículo. Este estabelecemento converteuse así na primeira estación de servizo da historia. Despois de informar cun telegrama ao seu marido da súa chegada a Pforzheim, pasou a noite na casa da súa nai e regresou a casa tres días máis tarde.
En 2008 a Bertha Benz Memorial Route[6] foi recoñecida oficialmente como itinerario de patrimonio industrial da humanidade.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Der Streit um den "Geburtstag" des modernen Automobils" [The fight over the birth of the modern automobile] (en German). German Patent and Trade Mark Office. 2014-12-22. Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2017.
- ↑ [1]
- ↑ "Frauen in der Geschichte des Rechts — Von der Frühen Neuzeit bis zum Gegenwart", Ute Gerhard e.a., Beck'se Verlagsbuchhandlung, München 1997, ISBN 3-406-42866-5, Pag 464
- ↑ "The birth of the automobile". Daimler AG. Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2015. Consultado o 1 October 2014.
- ↑ MercedesForum (8 May 2011). "Making of 'Carl & Bertha' (Film)" – vía YouTube.
- ↑ Bertha Benz Memorial Route (German-government-approved non-profit official site)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Benz Patent-Motorwagen |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Patent 37435, by Karl Benz for his 1885 Motorwagon The birth certificate of the automobile - the German patent application of 29 de xaneiro de 1886, that was granted on 2 de novembro de 1886 to Benz & Company in Mannheim
- Automuseum Dr. Carl Benz, Ladenburg (Heidelberg)
- John H. Lienhard on Bertha Benz's ride