Saltar ao contido

Batalla de Brión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Brión/Batalla de Doniños
Parte de Guerras napoleónicas

Praia de Doniños
Data 25 e 26 de agosto de 1800
Lugar Ferrol, Praia de Doniños, altos de Brión
Coordenadas
Resultado Fuxida da escuadra inglesa
Casus belli Toma da base naval de Ferrol
Belixerantes
Gran Bretaña España España
Líderes
John Borlase Warren
James Pultney
Mariscal Donadío
Tenente Xeneral Moreno
Forzas en combate
15 000 homes
100 navíos, 21 eran buques de guerra e o resto transportes
3000
Baixas
Segundo fontes españolas: Aprox. 1000 mortos e 800 feridos
Segundo fontes británicas: 16 mortos e 68 feridos.
37 mortos
102 feridos

A batalla de Brión foi un encontro bélico acontecido os días 25 e 26 de agosto de 1800 entre tropas británicas e españolas, estas apoiadas por paisanos, nas inmediacións da cidade de Ferrol e a parroquia de Brión. A causa do lugar de desembarco británico é tamén coñecida como batalla de Doniños.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

A batalla inscríbese no contexto das guerras napoleónicas, co reino de España dirixido por Godoy e aliado coa Francia revolucionaria, converténdose dese xeito os territorios do Imperio español en obxectivo militar para o estado maior británico.

Ferrol era a praza naval española máis importante da época, estaba considerada un dos máis importantes obxectivos en caso de guerra por parte doutras potencias, pois o seu control ou debilitamento entrañaría o enfeblecemento da forza naval hispana. Para tal efecto existían planos de ataque sobre as súas defensas elaborados ao longo da segunda metade do século XVIII, dos que aquí interesa o elaborado en 1767-1768 polo maior Hugh Debbieg, que recomendaba un ataque indirecto, sen que se tentase penetrar pola ría de Ferrol, ao estimar que as defensas da boca da mesma, os castelos de San Filipe e da Palma, farían extremadamente custosa unha tentativa semellante.

O ataque sobre Ferrol en 1800 foi ordenado polo Secretario de Guerra británico, Henry Dundas.

Os feitos

[editar | editar a fonte]
O castelo de San Filipe.

O 25 de agosto de 1800 presentouse ante as costas exteriores á ría de Ferrol unha frota británica formada de cerca de 100 navíos, dos cales 21 eran buques de guerra e o resto transportes, ao mando do contralmirante John Borlase Warren, e que se dirixía en principio cara ao Mediterráneo oriental. Da frota desembarcou, nas praias de San Xurxo e Doniños un corpo expedicionario duns 15 000 homes, comandados polo tenente xeneral James Pultney, que se dirixiron polos montes cara ao castelo de San Filipe, na beira setentrional da entrada da ría ferrolá, co claro obxectivo de tomalo pola retagarda e así facilitar o paso da súa frota. As tropas británicas destruíron as débiles fortificacións sitas en San Xurxo e Doniños.

Dada inmediata alarma desde as vixías de monte Ventoso, tropas regulares acuarteladas en Ferrol (uns 2 000 homes), moi logo reforzados por voluntarios, emprenderon marcha desde a cidade. Ao seu mando ía o capitán de navío Topete. As forzas españolas atopáronse coas británicas á tarde en Balón e arredores, librándose os primeiros combates.

Na mañá do día 26, a expedición tentou o asalto do castelo, que a gornición do mesmo resistiu con brillantez. Logo de varios embates sucesivos, a imposibilidade de éxito, levou ao xeneral británico a ordenar a retirada, que se efectuou polos montes das freguesías de Brión e Doniños, sendo afustigados por tropas de liña españolas e máis polos paisanos armados provenientes de Ferrol e das distintas parroquias inmediatas e, inclusive desde Betanzos e A Coruña. Porén os británicos conseguiron reembarcar nos seus navíos.

No ano seguinte o ataque a Doniños foi examinado na Gran Bretaña en sesión parlamentaria que tivo lugar no 19 de febreiro de 1801.

Outros datos

[editar | editar a fonte]

Estes feitos do verán de 1800, inspiraron parte da novela Los invasores, de Francisco Suárez García.

A batalla, por iniciativa do Club de Montaña de Ferrol, é conmemorada anualmente, desde 1990, cunha recreación con traxes de época nos montes de Brión, á que adoita seguir un banquete-romaría.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Montero Aróstegui, J. (2003): Historia y descripción de la ciudad y departamento naval del Ferrol. Ferrol: Edicións Embora (edición orixinal 1853).
  • Suárez García, F. (1996): Los invasores: 1800-1809. Ferrol: Concellaría de Cultura (reedición).
  • Escrigas, G. (1969): Ferrol heroico: la defensa de El Ferrol en 1800. A Coruña: Imprenta Moret.
  • González-Llanos Galvache, S. (2000): El ataque inglés a Ferrol en agosto de 1800. Ferrol: Embora.
  • Ramos Ardá, R. (2002): El desembarco de Doniños en la documentación británica. Ferrol: Embora.