Baluarte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Bastión»)
Baluarte na fortaleza de Valença.
Bastións no Castelo de Santo Antón, na Coruña.

Un baluarte (do provenzal baloart, do neerlandés bolwerk) ou bastión (do francés bastion) é unha construción defensiva que se proxecta cara ao exterior na muralla dunha fortaleza.[1] Adoita situarse nas esquinas dos "muros de cortina", como punto forte da defensa contra o asalto de tropas inimigas.

Pode ter a forma pentagonal e, neste caso, componse de dúas faces, dous flancos e a liña de gola pola cal se entra á obra. O deseño do baluarte e o feito de que sobresaia do corpo da fortaleza permite cubrir os outros baluartes e os muros de cortina con fogo cruzado.

O baluarte era utilizado como plataforma de artillaría, o que obrigaba o asaltante a situar as súas baterías de artillaría máis lonxe dos muros, diminuíndo deste xeito a súa efectividade.

O bastión foi desenvolvido a finais do século XV en Italia como parte do chamado trazado italiano e espallouse por toda Europa a principios do século XVI. A súa adopción é consecuencia da ineficiencia das fortificacións tradicionais (altas e delgadas murallas) ante o canón.[2]

Tipos de baluarte[editar | editar a fonte]

Vista área dos bastións no castelo de Siklós, Hungría.
  • Baluarte en tenaces ou atenazado. Aquel cuxo ángulo flanqueado forma un entrante.
  • Baluarte truncado. O que ten substituído o ángulo flanquedo por un ou dous ángulos entrantes.
  • Baluarte de orellóns. Aquel cuxos ángulos retirados e convexos están cubertos cara ao centro pola extremidade da face chamada de orellón.
  • Baluarte destacado. Reduto en forma de baluarte.
  • Baluarte duplo. O que se constrúe en anfiteatro combinado con outros cando o terreo permíteo.
  • Baluarte irregular. O que carece de simetría.
  • Baluarte terraplenado ou cheo. O que está terraplenado interiormente.
  • Baluarte medio. O que ten unha face e un flanco.
  • Baluarte plano ou chan. O que ten medias golas en liña recta.
  • Baluarte real. O que se constrúe nas extremidades dos polígonos de oitenta a cen toesas porque ademais de ser susceptíbel de moitos atrincheiramentos e aloxar un crecido número de tropas pode resistir pola súa solidez os esforzos das minas e os ataques máis vigorosos.
  • Baluarte regular. Aquel cuxa liñas e ángulos correspondentes son iguais entre si.
  • Baluarte romo. O construído en ángulo entrante.
  • Baluarte simple. Aquel cuxo terraplén coas mesmas dimensións que o da cortina segue arrodeado polas faces e flancos deixando a consecuencia un espazo baleiro que se utiliza para construír algún edificio como unha polvoreira, por exemplo.
  • Baluarte baleiro. Aquel que non está terraplenado totalmente.[3]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definición
  2. The Estafes Atlas of Medieval Civilizations
  3. Dicionario enciclopédico Popular Ilustrado Salvat

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]