Bandai (磐梯町, Bandai-machi) é un concello localizado na prefectura de Fukushima, Xapón. En xuño de 2019 tiña unha poboación de 3.421 habitantes e unha densidade de poboación de 57,2 persoas por km². A súa área total é de 59,77 km².
A área do actual concello de Bandai era parte da antiga provincia de Mutsu. Foi o centro dun culto montañés baseado no monte Bandai e fundáronse numerosos templos budistas a partir do período Heian. Estes templos creceron até ter un forte poder militar e económico durante o período Kamakura, e só foron suprimidos no período Sengoku. A área formou parte das propiedades do dominio Aizu durante o período Edo. Após a Restauración Meiji, organizouse como parte do distrito de Yama (prefectura de Fukushima). A aldea de Bandai creouse o 31 de marzo de 1889 co estabelecemento do sistema de concellos moderno e foi elevada á categoría de vila en 1960.
Dende principios do período moderno, a xeración de enerxía hidroeléctrica e a produción de produtos químicos por parte de Nippon Soda Co., Ltd. foron piares da economía local. Porén, a economía local arestora desprazouse cara a produción de maquinaria de precisión e o turismo estacional, especialmente campos de golf e estacións de esquí.