Saltar ao contido

Restauración Meiji

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Emperador Meiji, c. 1888

A Restauración Meiji (en xaponés: 明治維新, めいじいしん, Meiji Ishin), referida na súa época como Restauración Honorable (en xaponés: 御一新, Goisshin) foi unha cadea de eventos que conduciron a un cambio na estrutura política e social do Xapón no período comprendido de 1866 a 1869,[1] un período de anos que abrangue parte do período Edo (tamén denominado Bakumatsu, Shogunato Tokugawa tardío, literalmente últimos momentos de Bakufu) e o comezo da Era Meiji.

Ó comezo do século XIX, o Xapón vivía illado e cunha organización social de carácter feudal análoga á de Europa na Idade Media. A autoridade política era exercida polo Shogún, e a relixiosa polo Emperador ou Micado, que foi considerado deus vivente ata 1945. Os EUA en 1854 obrigaron ao Shogún a permiti-lo establecemento de factorías mercantiles en territorio xaponés, seguíndolles outras potencias occidentais. O Emperador Mutsuhito estableceu o poder absoluto en 1868, inaugurando o período Meiji.

O Período Meiji ou das reformas, significa o esforzo do Xapón por occidentalizarse, e porse en tódolos aspectos á altura de Occidente. O que conseguiron con incrible rapidez. Ó sentirse fortes, naceron as ambicións expansivas, sendo foco dos principais conflitos armados de finais do século XIX: as guerras sinoxaponesas e a rusoxaponesa.

Un adolescente Emperador Meiji con representantes estranxeiros ao final da Guerra Boshin, 1868-1870.
Artigo principal: Bakumatsu.

A restauración Meiji Bakumatsu non Doran (fin do réxime do shogun) foi a caída do réxime despótico no Xapón. Este réxime era moi parecido ao feudalismo europeo, o emperador (que se cría que descendía dos deuses) non tiña o poder real senón que dependía do daimío (señor feudal) máis importante. Este titulábase "shogun", que é o maior rango que un daimío podía obter. Por iso o réxime político chamábase shogunato ou bakufu. Agora ben, o Xapón até 1853 permanecera illado do resto do mundo económica e politicamente (excepto para China e Holanda(que gozaban dun porto aberto, Nagasaki). Nesta data chega unha frota armada estadounidense (ao mando do Comodoro Perry) que tiña como propósito demandar un tratado de comercio. Este feito coñécese tamén como "Kurofune raikō" (chegada dos barcos negros). Ao non ter o Xapón unha armada para facerlle fronte tivo que aceptar o tratado, evidenciando o débil que era o país.

En febreiro de 1867, Mutsuhito, aos seus quince anos, sucedeu ao seu pai,[2] o emperador Kōmei e proclamouse unha nova era de Meiji (que significa "culto á regra").[3] A restauración Meiji de 1868 puxo remate a 256 anos de feudalismo do shogunato Tokugawa.

Unha revolución da clase alta

[editar | editar a fonte]

Esta revolución tivo unha particularidade única na historia; a mesma clase dominante (a aristocracia) foi a que viu a necesidade de cambio e de renunciar aos seus dereitos especiais. Por iso estaban divididos en dous bandos: os Kinnō-no-shishi e os partidarios do shogunato. Os terratenentes (daimyo) que estaban en contra do shogunato lideraron o Kinnō-no-shishi. Entre eles destacan tres dirixentes, o chamado Ishin Sanketsu (o triunvirato de Ishin), cuxos integrantes eran Toshimichi Ōkubo, Takamori Saigō e Takayoshi Kido.[4]

Os partidarios do shogunato contaban con diferentes forzas para enfrontárense a estes revolucionarios; entre eles o Shinsengumi (unha forza paramilitar-policial situada en Kyoto). Para 1867 o movemento revolucionario lograra un avance decisivo e o emperador Meiji (que non tiña poder real) dita a orde de disolver o bakufu (shogunado). Pero o shogun Tokugawa Yoshinobu resístese a deixar o poder en mans do Ishin shishi e en 1868 desenvólvense cinco batallas máis, chamadas as Guerras Boshin, en orde cronolóxica son estas: Toba-Fushimi, Monte Ueno, Nagoaka, Aizu e Hakodate.

Posteriormente os samurais tras os radicais cambios realizados polo emperador, rebélanse contra este, formando un exército cuxo inimigo será o emperador ao abolir os privilexios da clase samurai, os adversarios foron o recentemente fundado corpo de policía, formada en gran parte por samurais que se puxeron ao servizo do emperador e samurais dos clans vencedores nas Guerras de Boshin: Satsuma e Chōshū.

Os resultados do cinco guerras foron determinantes e o Shōgun convocou a consello o Ishin Takamori Saigō, no que estivo presente o xefe de mariña shogunal, Kaishū Katsu. O resultado deste consello foi a rendición do shogunato.

Alianzas e lealdades

[editar | editar a fonte]
Alegoría do Novo loitando contra o Vello, a comezos do Xapón Meiji, arredor do ano 1870.

A formación en 1866 da alianza Satsuma-Chōshū entre Takamori Saigō, o líder do territorio Satsuma, e Kogorō Katsura, o líder do territorio Chōshū, constrúen os cimentos da restauración Meiji. Estes dous líderes apoiaron ao Emperador Kōmei (pai do emperador Meiji) e aliáronse xunto a Ryōma Sakamoto co propósito de cambiar o goberno do Shogunato Tokugawa (bakufu) e devolver o poder ao emperador. A finais de 1867, o Emperador Meiji ascende ao trono despois da morte do emperador Komei.[2] Este período tamén supuxo un cambio ao Xapón desde o comezo dunha sociedade feudal a tomar unha economía capitalista cunha persistente influencia occidental.

A gran reforma

[editar | editar a fonte]

A primeira reforma foi a promulgación da carta de xuramento en 1868, unha declaración global destinada a dar á oligarquía Meiji o impulso necesario para gañar a confianza e o apoio financeiro do novo goberno. Os cinco estatutos consistían en:

  1. Establecemento de asembleas deliberativas
  2. Integración de todas as clases na tarefa de adiantarse ao estado
  3. Substitución de "costumes nocivos" por "leis naturais"
  4. Busca internacional de coñecemento
  5. Fortalecemento das bases do goberno imperial.

Coa aceptación do xuramento, supúxose implicitamente que a exclusividade política do bakufu tiña que rematar e que era necesario avanzar cara a unha participación máis democrática no goberno. Para aplicar os estatutos do xuramento, elaboráronse once artigos constitucionais.[5] Ademais de nomear un novo Consello de Estado, un órgano lexislativo e un sistema de rango para nobres e oficiais, o seu mandato no cargo limitouse a catro anos. permitiu o voto público, estableceuse un novo sistema tributario e establecéronse novas leis administrativas locais.

O goberno Meiji asegurou ás forzas estranxeiras que terían que seguir os antigos tratos negociados co bakufu e anunciou que terían que actuar segundo o dereito internacional. Mutsuhito, que reinou ata 1912, seleccionou un novo título de Meiji, ou Adoración no goberno, como sinal do comezo dunha nova era na historia xaponesa.

Para escenificar a nova orde, a capital trasladouse de Kyoto, onde estaba situada desde 794, a Toquio (a capital do leste), que era o novo nome da cidade de Edo. A maioría dos daimyō entregaron voluntariamente as súas terras e rexistros censuais ao emperador durante a abolición do sistema Han, simbolizando que a terra e a xente estaban baixo a xurisdición do emperador. Confirmados os seus cargos hereditarios, os daimyō convertéronse en gobernadores e o goberno central asumiu os seus gastos administrativos e o pago dos subsidios dos samurais. O Han foi substituído polas xefaturas do Xapón en 1871 e a autoridade continuou a fluír ao goberno central. Os oficiais favorecidos do antigo Han, como Satsuma, Chōshū, Tosa e Hizen, ocuparon varios cargos nos novos ministerios. Formalmente, os nobres que non foron favorecidos pola corte e os samurais de rango inferior e máis radical substituíron as persoas asignadas polos bakufu, daimyō e antigos nobres da corte ao xurdir unha nova clase dirixente.

Reforma administrativa

[editar | editar a fonte]

Unha condición para a formación do Xapón unitario foi a eliminación da vella estrutura federalista do país. As súas unidades eran principados autónomos, controlados por un daimyō. Durante a guerra civil (1868-1869), o goberno xaponés confiscou as posesións do Shōgun e dividiunas en xefaturas. Non obstante, os principados Han permaneceron fóra do seu control directo.[6]

A cambio da terra, os daimyō convertéronse nos xefes das oficinas rexionais do goberno central, pagadas polo estado. Aínda que a terra dos Hans foi transferida formalmente ao estado, os mesmos Hans non foron eliminados. O seu daimyō mantivo o dereito de recadar impostos e formar exércitos nas súas terras e, polo tanto, permaneceu semiautónomo. Debido a estas mornas políticas do goberno central, o descontento nas rexións foi crecendo.

O 20 de xaneiro de 1869, o daimyō dos catro hans progobernamentais, Satsuma, Choshu, Tosa e Hizen, que foran os adversarios máis decididos do shogunado, acordaron "devolver os seus dominios ao emperador". Outros daimyō tamén o aceptaron, feito que levou, sen dúbida, e quizais especificamente por primeira vez, a ter un goberno central que exercese o poder sobre todo o territorio (天下, Tenko).[6] O antigo daimyō trasladáronse das rexións de Toquio e regresou como gobernadores da xefatura. Antes de 1888 o número de xefaturas reduciuse de 306 a 47, colocouse un distrito especial en Hokkaido, igual que nas xefaturas das tres principais cidades: Toquio, Kyoto e Osaka.[6]

Reforma do goberno

[editar | editar a fonte]

Xunto coa reforma da administración producíronse cambios na estrutura do goberno. A base do novo executivo foi tomada directamente da estrutura de goberno xaponesa do século VIII. O 15 de agosto de 1869 o goberno dividiuse en tres ramas: o Daijō-kan, o Ministerio da Esquerda e o Ministerio da Derita. A rama principal era o gabinete. Consistía nun chanceler, ministros da esquerda e da dereita e asesores. A rama da esquerda era lexislador e asesor da rama principal. A estrutura da rama dereita eran oito ministerios, que estaban rexidos polos ministros e viceministros. A maioría dos cargos do goberno foron ocupados por xente procedente dos antigos estados principescos, Satsuma (Saigō Takamori, Okubo Toshimichi, Kuroda Kiyotaka), Choshu (Kido Takayoshi, Ito Hirobumi, Inoue Kaoru, Yamagata Aritomo), Tosa (Itagaki Taisuke Gotō Shōjirō, Sasaki Takayuki) e Hizen (Okuma Shigenobu, Ōki Takatō, Soejima Taneomi, Etō Shimpei) formaron interiormente a chamada facción do Han. As principais posicións ocupáronas aristócratas da capital, como Sanjō Sanetomi e Iwakura Tomomi.

Reforma militar

[editar | editar a fonte]

Un dos principais obxectivos do goberno imperial foi a creación dun exército moderno e eficiente. Despois da liquidación das tropas dos hans, formadas por samurais, estas reasignáronse ao Departamento de Guerra. O 10 de xaneiro de 1873, a iniciativa de Ōmura Masujirō e Yamagata Aritomo, o goberno impuxo o servizo militar obrigatorio. A partir dese momento, todos os homes que chegasen aos vinte anos, estarían obrigados a servir no exército, independentemente da súa condición social. Podían quedar exentos do servizo militar as cabezas de familia e os seus herdeiros, os funcionarios, estudantes, e os que pagasen a cantidade de 270 iens. O último exército imperial estaba formado principalmente por campesiños.

Xunto coa reforma militar creáronse por separado as unidades do exército e a policía. Ata 1872 estiveron adscritas ao Departamento de Xustiza, e a partir do ano seguinte ao Ministerio do Interior. A policía metropolitana organizouse cunha xestión independente en Toquio.

Reforma social

[editar | editar a fonte]

Para a construción do estado nacional xaponés, o goberno imperial tamén levou a cabo unha activa política social. O 25 de xuño de 1869 formáronse dúas clases privilexiadas: a nobreza titulada (kazoku) e a sen título (shizoku). O primeiro consistía nos aristócratas da capital e o daimyo dos hans desaparecidos, e o segundo consistía en antigos samurais. Debido á formación de dúas clases, o goberno intentou superar a oposición secular de samurais e aristócratas, e tamén intentou eliminar a diferenza social e o modelo medieval da relación "amo-escravo" na contorna samurai. Ademais, o poder imperial proclamou a igualdade de agricultores, artesáns e comerciantes, independentemente da ocupación e da posición. Foron coñecidos como os "comúns" (heimin). En 1871, o goberno equiparou o buraku nesta clase, historicamente discriminado no período Edo. Os comúns tiñan que ter un nome, que ata entón só levaba o samurai, e agora permitíase o matrimonio entre as dúas clases de aristocracia. Elimináronse as tradicionais restricións ás viaxes e ao cambio de carreira. O 4 de abril de 1871, o goberno imperial promulgou unha lei sobre o rexistro da poboación. O ano seguinte, a poboación ingresou no rexistro dividida en tres categorías: as dúas clases de nobreza e os plebeos.

A nobreza xaponesa estaba dentro do estado. Os nobres recibían unha pensión anual, que era o 30% do orzamento total do país. Para aliviar a carga do estado, en 1873 o goberno promulgou a "Lei sobre a devolución das pensións ao emperador" e a nobreza viuse obrigada a abandonar o pagamento periódico das pensións a cambio dun único pagamento. Non obstante, o problema non se solucionou e a débeda das pensións do estado continuou a crecer, razón pola que en 1876 as autoridades aboliron finalmente a práctica dos seus cobros e pagamentos. Neste sentido, a diferenza legal entre os samurais, aos que se lles prohibiu o mesmo ano levar a katana en público, e o pobo, desaparecera. Para asegurar a súa existencia, convertéranse en parte da clase privilexiada dos funcionarios públicos: empregados públicos, policías e profesores. Moitos comezaron a cultivar. Non obstante, a maior parte do comercio non prosperou e rapidamente crebou, debido á falta de habilidades empresariais. Para salvar os samurais, o goberno introduciu subvencións e animounos a colonizar un Hokkaido medio civilizado. Non obstante, estas medidas non foron suficientes, o que foi a causa de futuras disturbios.

Reforma relixiosa

[editar | editar a fonte]

Mentres a Restauración Meiji intentou devolver o emperador a unha posición superior, os esforzos centráronse en establecer un estado xintoísta máis parecido ao estado de había 1000 anos.

Estableceuse unha Oficina de Culto Shinto, clasificada en importancia por encima do Consello de Estado. Adoptáronse as ideas Kokutai das escolas Mito e púxose o acento na divindade ancestral da familia imperial xaponesa. Nun pequeno mais importante movemento, o goberno apoiou os mestres xintoístas. Aínda que a Oficina de Culto Shinto foi degradada en 1872, en 1877 a Cámara de Ministros controlaba todos os santuarios xintoístas e o Estado recoñecía certas seitas xintoístas. A relixión shinto separouse da administración budista e restauráronse as súas características. Aínda que o budismo sufriu o apoio estatal ao xintoísmo, tivo o seu propio renacemento. O cristianismo tamén foi legalizado e o confucianismo seguiu a ser unha importante doutrina ética. Non obstante, o número de pensadores xaponeses identificados coas ideoloxías e metodoloxía occidentais aumentou cada vez máis.

Reforma fiscal

[editar | editar a fonte]

O obxectivo principal do goberno imperial na construción dun Xapón modernizado foi a creación dun sistema financeiro sólido. A principal fonte das arcas estatais era o imposto sobre a terra en forma de rendas naturais, que durante séculos os agricultores xaponeses pagaran aos seus amos. Despois de que o principado fose eliminado, o goberno asumiu as súas obrigas e dereitos de débeda, razón pola que conseguir o diñeiro do orzamento era extremadamente difícil. Por iso, as autoridades comprometéronse a levar a cabo reformas territoriais e fiscais para estabilizar as finanzas xaponesas.

En 1871, o goberno imperial creou novas zonas de cultivo en terras virxes e en 1872 retirouse a prohibición de vender terras e recoñeceuse a existencia de propiedades privadas. Os propietarios recibiron certificados de propiedade da terra, indicando o prezo da parcela. O sistema de certificados eliminou a forma comunal tradicional de posesión da terra. O 28 de xullo de 1873, baseándose neste sistema de goberno imperial, comezou a reforma do imposto sobre a terra, que rematou en 1880. A reforma, no canto do criterio de rendemento inestable da tributación, converteuse nun prezo estable para a terra e os propietarios convertéronse en contribuíntes. O imposto sobre a propiedade tiña que pagarse en efectivo por un importe do 3% do valor da terra. Os bosques e as terras de montaña, que eran utilizadas polos membros da comunidade no seu conxunto, foron considerados polo goberno como terras sen amo. Estas transformacións proporcionaron un xeito estable de encher as arcas estatais e contribuíron ao desenvolvemento de relacións monetarias-mercantís na rexión. Non obstante, por outra banda, provocaron unha nova diferenciación social e aumentaron a presión fiscal sobre a xente e, ademais, provocaron o descontento campesiño.

Lexitimouse o sistema de alugamento de terras introducido durante o período Tokugawa. De feito, a pesar dos esforzos do shogunado para "conxelar" as catro clases da sociedade, baixo o seu dominio, os veciños comezaron a arrendar terras a outros agricultores e, polo tanto, enriquecéronse. Isto molestou o sistema de clases definido de xeito pronunciado, declarado polo shogunado, e contribuíu á súa caída.

Reforma da educación

[editar | editar a fonte]
Escola de Kaichi, a escola primaria máis antiga do Xapón

En educación, o goberno levou a cabo unha serie de reformas fundamentais. En 1871 creouse o primeiro Ministerio de Cultura, unha institución central responsable da política educativa. En 1872, publicouse un decreto sobre educación estatal baseado no modelo francés. Segundo este sistema, o Xapón dividiuse en oito distritos universitarios. Cada distrito tería unha universidade e 32 escolas secundarias. Cada escola formaba un distrito escolar independente e tería 210 escolas primarias. Non obstante, a decisión do Ministerio foi máis declarativa que calquera outra cousa e non tivo en conta as posibilidades reais dos educadores e dos cidadáns. Polo tanto, en 1879 o Ministerio emitiu un "Decreto de educación", polo que se abolía o sistema de distritos e a educación pública obrigatoria limitábase á escola primaria, segundo o modelo alemán. Por primeira vez nos colexios públicos, os nenos e as nenas estudaron xuntos.

O goberno tamén fixo esforzos para o desenvolvemento da educación universitaria xaponesa. En particular, en 1877 fundouse a Universidade de Toquio, para a que o goberno xaponés contratou moitos especialistas estranxeiros. Na sede establecéronse institucións educativas e institucións de educación superior para mulleres. A iniciativa estatal recibiu o apoio de personaxes públicas. Por iso, Fukuzawa Yukichi converteuse no fundador da escola privada Keiō, a futura Universidade Keiō, e Nijima Tse no fundador da escola Doshisha, a futura Universidade Doshisha.

Algunhas regulacións gobernamentais sobre primaria, secundaria, terciaria e universidade foron adoptadas en 1880.

Crecemento industrial

[editar | editar a fonte]
Arsenal de Koishikawa en Toquio, establecido en 1871

A rápida industrialización e modernización do Xapón permitiu un grande aumento da produción e da infraestrutura. O país construíu industrias como estaleiros, plantas siderúrxicas e téxtiles que se vendían a empresarios relacionados coa industria occidental. Os produtos feitos con tecnoloxía occidental poderían venderse moi facilmente nun contexto internacional. As áreas industriais medraron enormemente, o que provocou migracións masivas do campo. A industrialización tamén se materializou en forma de desenvolvemento dun sistema ferroviario nacional e un moderno sistema de comunicación.[7] As clases sociais máis baixas (mulleres, marxinados, xornaleiros, prostitutas e campesiños) formaron a forza de traballo para este crecemento industrial.[8]

Comezo da era Meiji

[editar | editar a fonte]

En 1868 comeza a era Meiji (ou Restauración Meiji). Nesta quedan abolidos os privilexios especiais dos samurais, dáselle á poboación a posibilidade de portar apelido (privilexio até entón da aristocracia, mentres que a xente levaba o nome da súa profesión, por exemplo, o capitán dun barco chamábase "Anjin" -"capitán"-). Estes cambios provocaron a inestabilidade do país no comezo da era Meiji. Houbo moitos levantamentos, pero pódese destacar o de Takamori Saigō, integrante do triunvirato de Ishin, amigo e compañeiro de Toshimichi Ōkubo. Saigō é derrotado por Ōkubo e feito executar. A era Meiji logrou a estabilidade total despois de catro décadas.

  1. Beasley, William G. (1972). The Meiji restoration (en inglés). Stanford University Press. p. 247. ISBN 0804779902. 
  2. 2,0 2,1 "Época Meiji". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana. 
  3. Junqueras i Vies et al. 2011, p. 219.
  4. Junqueras y Vies et al. 2011, p. 222-223.
  5. Chaurasia, R. S. (2003). History of Japan (en inglés). Atlantic Publishers & Dist. p. 64. ISBN 8126902280. [Ligazón morta]
  6. 6,0 6,1 6,2 Э. Дейноров «История Японии» (E. Deinórov, Historia do Xapón) - Moscova: AST, 2011, pp 517-601, ISBN 978-5-17-073714-7
  7. Yamamura, Kozo (1977). "Success Iligotten? The Role of Meiji Militarism in Japan's Technological Progress". The Journal of Economic History (en inglés) (37.1). 
  8. Narayan, Saarang (2016). "Women in Meiji Japan: Exploring the Underclass of Japanese Industrialization". Inquiries Journal/Student Pulse (en inglés) 8 (2). 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]