Saltar ao contido

Balcanización

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exemplo histórico de balcanización: A disolución de Iugoslavia.
Serie animada de mapas na que se mostra a desintegración de Iugoslavia; as diferentes cores representan as áreas de control.
     República Federal Socialista de Iugoslavia      República Federal de Iugoslavia; Serbia e Montenegro; Serbia      Croacia      Eslovenia      Macedonia do Norte      Bosnia e Hercegovina      Montenegro      Kosovo

Balcanización é un termo xeopolítico usado orixinariamente para describir o proceso de fragmentación ou división dunha rexión ou estado en partes ou estados máis pequenos que son, polo xeral, mutuamente hostís e non cooperan entre si.[1] O termo xurdiu a raíz dos conflitos na península Balcánica ocorridos durante o século XX.

A primeira balcanización deuse nas guerras dos Balcáns (1913) e o termo reafirmouse nas guerras iugoslavas dos anos 1990.

Por extensión, o termo "balcanización" usouse tamén para describir os procesos de división de certas culturas en identidades separadas, tales como os ocorridos a finais do século XX, moitos con orixes en movementos nacionalistas.

O termo úsase tamén para describir outras formas de desintegración, incluíndo, por exemplo, a subdivisión de Internet en enclaves separados,[2] e a ruptura de acordos de cooperación debido ao xurdimento de entidades competidoras enfrascadas en loitas do tipo beggar-my-neighbor (amolar ao veciño).

"Balcanización" úsase algunhas veces para referise á diverxencia, que ocorre no tempo, dos idiomas, as linguaxes de programación e os formatos de arquivos de datos (en particular do XML).

Os grandes países de Europa adoitan seren o resultado da Unión de varias rexións históricas ou países antes indepedentes, e ás veces enfróntanse ao problema da balcanización. A Península Ibérica, especialmente España, desde a época de Al-Ándalus fixo esforzos para evitar a balcanización, pero nos últimos anos reverdeceron vellos problemas como os independentismos vasco e catalán.[3]

En xaneiro de 2007, en relación co crecente apoio á independencia de Escocia, o primeiro ministro do Reino Unido naqueles días, Gordon Brown falou dunha "balcanización de Gran Bretaña".[4]

Mapa de Escocia no Reino Unido.

O 10 de xaneiro de 2012, o goberno de Escocia, presidido por Alex Salmond, propuxo un referéndum para decidir a independencia daquela nación do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, que se celebraría en 2014.[5][6] O primeiro ministro británico, Davis Cameron, aínda que opositor á medida, declarou que buscará legalizar esta consulta ante o Parlamento Británico e que se fixera o antes posíbeol para evitar danar a economía.[7][8]

A medida remóntase a 2009 e provén do Scottish National Party (Partido Nacionalista Escocés), cuxo principal obxectivo é a independencia escocesa, e a medida logrou a aprobación por parte do parlamento escocés e da coroa británica.

Non hai precedentes dun referendo sobre a independencia Escocia. En 1979 celebrouse un para restablecer a Asemblea Lexislativa de Escocia despois da súa suspensión en 1707, que non prosperou, pero si resultou favorábel nunha nova consulta realizada en 1997, o que condciu á recuperación do Parlamento de Escocia.

Tamén existen movementos de independencia dentro da Gran Bretaña en Gales e Cornualla.

Igualmente en Italia. En setembro de 2009 o principal aliado de Silvio Berlusconi e líder do partido secesionista Liga Norte, Umberto Bossi, reivindicou o dereito á independencia da Padania, zona que agrupa ás principais rexións do norte do país.

"Sabemos que un día a Padania será un Estado libre, independente, soberano!"

exclamou Bossi na festa dos pobos padanos que tivo lugar na cidade de Venecia.[9]

E a idea continúa. Dereita, centro e esquerda aceptaron case sen reparos a formación do Goberno de Mario Monti tras a dimisión de Silvio Berlusconi o 13 de novembro de 2011, porque era "unha oportunidade de ouro para encargar aos tecnócratas os recurtes que os políticos non se atreveran a facer", imnoposta pola UE. Pero a Liga Norte de Bossi converteuse no único partido na oposición, negándose a aceptar a imposición dun Executivo non electo, e non porque tivera unha iluminación democrática, senón porque era unha ocasión histórica para pechar as gretas que abrira no seu grupo o apoio cego a Il Cavaliere, e para distanciarse aínda máis da política centralista de Roma.

O 4 de novembro Bossi decretou a reapertura oficial do Parlamento de Padania, unha cámara simbólica coa que os independentistas desafían periodicamente ao Estado, desde 1997, reclamando a secesión de Italia das rexións do norte (Piemonte, Lombardía, Véneto, Liguria, Friúl-Venecia Xulia e parte de Emilia Romagna).[10]

  1. balcanización s.f. "Proceso de fragmentación dun estado ou territorio en estados máis pequenos". Gran dicionario Xerais da lingua. Vigo, 2009.
  2. New IAB chair fears Internet 'balkanization' Arquivado 20 de outubro de 2007 en Wayback Machine. Network World
  3. Catalonia steps up to challenge Spain The New York Times, 29/9/2005. (en inglés) Consultada o 28/2/2012.
  4. UK's existence is at risk - Brown BBC News, 13/1/2007. (en inglés) Consultada o 18/2/2012.
  5. Salmond desafia Cameron i anuncia el referèndum d'independència d'Escòcia per a la tardor del 2014 Diario Ara, 10/1/2012. (en catalán) Consultada o 28/2/2012.
  6. Salmond manté que el referèndum per la independència d'Escòcia es farà el 2014 324.cat, 10/1/2012 (en catalán) Consultada o 28/2/2012.
  7. El govern britànic dóna 18 mesos a Escòcia per celebrar el referèndum d'independència Diario Ara, 9/1/2012. (en catalán) Consultada o 28/1/2012.
  8. Moitos comentaristas opinaron que, máis que a economía, o que Cameron pretendía era que se fixera canrto antes, dado que, segundo as enquisas, daría un resultado favorábel á permanencia no Reino Unido.
  9. Umberto Bossi reivindica independencia del Norte de Italia Arquivado 24 de decembro de 2011 en Wayback Machine. El Economista, 14/9/2009. (en castelán) Consultada o 28/2/2012.
  10. La Liga Norte desafía a Roma y reactiva la lucha por la secesión de Italia Diario Público, 5/12/2011. (en castelán) Consultada o 28/2/2012.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]