Baia de Barcelona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Santa Baia
Mártir
Biografía
Nacementoc. 290 en Barcino, Imperio Romano
Pasamento12 de febreiro de 304 en Barcino, Imperio Romano
Proceso de canonización
Canonización633
Veneración
Venerado/a enIgrexa Católica e ortodoxa
Festividade12 de febreiro
Santuario principalCatedral de Barcelona
Patrón/a deBarcelona, Perpiñán, Santa Eulalia del Campo, Riudecols, Ribas de la Valduerna, Villagarcía de la Vega, Pallejà e Les Roquetes del Garraf

Baia[1] de Barcelona (chamada Santa Baia[1], Santa Eulalia[1], Santa Oalla[1] ou Santalla[1]; en catalán: Santa Eulàlia, Eulària ou Laia) (Barcino (actual Barcelona), h. 290 - ibídem, 12 de febreiro de 303) foi unha mártir cristiá. Foi canonizada en 633 e considérase santa tanto pola Igrexa católica como pola Ortodoxa.

É a patroa dos municipios de Barcelona, Pallejà (Barcelona), Perpiñán (Francia), Esparreguera (Barcelona), Santa Eulalia del Campo (Teruel) , Riudecols (Tarragona) e da vila de Ribas de la Valduerna (León).

A súa simboloxía é unha cruz de Santo André, espeque e unha pomba. A súa vida confúndese ás veces coa Santa Baia de Mérida.

Lenda[editar | editar a fonte]

Vida e martirio[editar | editar a fonte]

Imaxe de Santa Baia de Barcelona
que se atopa na igrexa dos Josepets, en Gràcia, Barcelona.

A lenda da que se ten constancia a partir do século VII, remóntase á época romana. Segundo a tradición cristiá, Baia foi unha nena educada no cristianismo, que morou nos arrabaldes da cidade de Barcino (Hispania), no que hoxe é Sarrià, a finais do século III. Con 13 anos, durante o período de persecucións aos cristiáns do emperador Diocleciano (284-305 dC), Baia fuxiu do seu fogar e foi na procura do gobernador de Barcino, Daciano, para recriminarlle as represións. O gobernador, ante a negativa da rapariga a rexeitar a fe cristiá, condenouna a trece martirios, tantos como anos tiña.

Segundo a tradición, como primeiro tormento foi encarcerada nunha cela escura, para despois ser azoutada. No cabalete foille desgarrada a carne con garfos. Despois foi posta de pé nun braseiro a arder e queimáronlle os peitos. As feridas foron fregadas con pedra ruda, para despois botarlles óleo a ferver e chumbo fundido, ademais de guindala a un foxo de cal vivo. O noveno tormento, un dos máis coñecidos popularmente, consistiu en póla espida dentro dun bocoi cheo de cristais, cravos e outros obxectos punxentes, sendo guindado despois por unha rúa abaixo. Posteriormente, foi encerrada nun curral cheo de pulgas. Finalmente, foi paseada núa pola rúas da cidade até o lugar do suplicio onde foi crucificada nunha Cruz de Santo André. Segundo a lenda, durante a súa cruxifición produciuse unha nevarada, tapando a pureza do seu corpo nu. Tamén segundo a tradición popular, ao final da súa pregaria de que o Señor a tomase no Seu Reino, a xentalla viu voar cara o ceo da súa boca unha pomba branca; lenda semellante á de Baia de Mérida.

Outras lendas[editar | editar a fonte]

Ao longo dos séculos, outras lendas e mitos xurdiron sobor da santa. En 878 os restos da santa, que estaban soterrados en Santa Maria del Mar, foron trasladados ao que hoxe é a Catedral. Segundo a lenda, cando a comitiva que portaba a arca chegou á porta da vila, o cadaleito tornouse tan pesado que resultaba imposíbel movelo. Nese intre, apareceu un anxo que sinalou co dedo a un dos cóengos da procesión. Este, arrepentido, confesou que se quedara cunha deda da santa como reliquia. Unha vez restituída a deda mutilada, os restos puideron cruzar as murallas.

Dende 1868 Santa Baia (Eulàlia) comparte o padroádego de Barcelona con Nosa Señora da Mercé e, na súa honra, a cidade celebra no mes de setembro a súa principal festa maior. A cultura popular atribúe ás bágoas de Santa Eulàlia, triste polo esquecemento dos barceloneses, as choivas que a miúdo deslocen as celebracións da Mercé[2]

Historicidade[editar | editar a fonte]

Existen serias dúbidas sobre a historicidade da vida e martirio de Baia de Barcelona,[3] podendo se tratar dunha versión local da Historia de Baia de Mérida. Como histórica patroa de Barcelona, a capital catalá conserva múltiples referencias a Santa Baia.

Tradicións culturais[editar | editar a fonte]

Anualmente, coincidindo coa semana do 12 de febreiro, Barcelona celebra as Festas de Santa Eulàlia. Aos actos litúrxicos e institucionais, cuxa celebración se remonta ao século XVIII, engadíronse, desde os anos 1980, múltiples festexos populares nas rúas, que converteron esta celebración en festa maior de inverno na vila.

Ademais de "correfocs" e bailes de sardanas, ten lugar a Procesión das Laias, un desfile polas rúas do barrio no que participan Xigantes e cabezudos da cidade. Entre elas, as bautizadas en honra á patroa, como a Eulàlia, dos Gegantons Vells del Pi, cuxa orixe remóntase a 1780,[4] ou a Gegantona Laia, que reproduce a iconografía da mártir.[Cómpre referencia]

Así mesmo, co gallo desta festividade, ízase no balcón principal da Casa da Cidade de Barcelona a histórica Bandeira de Santa Eulalia de Barcelona

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-11-05. 
  2. http://www.festes.org/articles.php?id=434
  3. Josep Torner i Cubells. Notes històriques sobre a passió de Santa Eulàlia dins del Butlletí de l'arquebisbat de Barcelona - artículo en rtf (en catalán)
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 02 de setembro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fábrega Grau, Ángel (1958). Santa Eulalia de Barcelona, revisión de un problema histórico (en castelán). Roma: Iglesia Nacional Española. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]