Bólas de lume de Stonehaven

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O festival das bólas de lume de Stonehaven é unha antiga celebración que ten lugar na noite de fin de ano nesta viliña do nordeste de Escocia.

Características básicas[editar | editar a fonte]

As celebracións de Hogmanay, a festa de fin de ano escocesa, adquiren unhas características peculiares en Stonehaven, unha pequena vila costeira situada 25 kms. ao sur de Aberdeen. O festival das bólas de lume consiste no paseo, durante os primeiros minutos do ano novo, dunhas pesadas bólas de tramo e arame, enchoupadas de combustíbel, que os performantes fan virar por riba da súa cabeza. Logo de percorrer varias veces a rúa principal de Stonehaven diríxense ao porto, onde as guindan, aínda acesas, ao mar.

Participan nesta marcha 60 persoas, entre homes e mulleres, todos residentes en Stonehaven. As súas idades varían dende a vintena ata ben entrados os setenta. Visten tanto formal, con kilt e chaqueta tradicional, como informal, con roupas descoidadas que poidan verse afectadas polo lume sen gran dano.

As bólas de lume son unhas estruturas semellantes ao martelo do atletismo, é dicir, un peso nun extremo, un arame longo (1.5 metros) e no outro extremo unha argola de forma triangular, cunha parte máis resistente para asir mellor o trebello. Este sistema dálle unha gran mobilidade, e ao igual ca no atletismo, permite que os paseadores das bólas as fagan virar ao seu redor sen facer pausas, pero tamén a custa dun grande exercicio físico. Os pesos dos extremos consisten nunhas mallas de arame, de formas e tamaños diversos (entre un balón de fútbol e unha roda dun coche), cheas no seu interior de trapos, madeiras, piñas, carbón, parafina, cartóns e outros materiais de restroballo. Estas bólas ou paquetes enchóupanse en gasolina e préndeselles lume antes de comezar o paseo. Pesan entre 3 e 7 kgs.

O acendido prodúcese no cruzamento entre a rúa principal (High Street) e o porto, e a continuación os participantes despréganse polos primeiros metros da rúa, deixando unha distancia prudencial cos seguintes e cos anteriores. Coas bólas acesas e no chan agardan uns segundos, ata que se produce o cambio de ano, que é cantado polos espectadores. Nese intre os paseadores e as bólas comezan a moverse cara ao interior de Stonehaven, subindo a High Street durante uns 150 metros. Ao chegar ao remate dan volta e viran así dúas, tres ou incluso máis veces, todo o que lles dá a forza, ata que rematan de novo no porto. Nese punto descenden ata unha pequena praíña interior e dende alí arrebolan os trebellos, aínda acesos, ao mar, canto máis lonxe mellor. Este proceso dura uns 20 minutos, aínda que se lembra que no pasado podía estenderse durante dúas horas.

Congrégase unha boa cantidade de público, ao redor dos 10.000 ou 15.000 espectadores, todo ao longo da High Street, para ver este festival.

Historia[editar | editar a fonte]

As primeiras noticias deste festival de bólas de lume remóntanse ao século XIX, pero crese que é moito anterior. Durante os primeiros anos do século XX viviu unha época de esplendor, pero na posguerra entrou en decadencia. Só a existencia de premios ás mellores bólas de lume fixo que a poboación recuperase o interese nos últimos anos do século pasado.

En Escocia, o día de fin de ano ou Hogmanay destínase a limpar as casas en profundidade, así como os faiados, os pendellos e os garaxes, guindando con roupa, madeiras e outros restos ao lume. É frecuente que nas distintas celebracións desta festa por toda Escocia se queimen bonecos ou se fagan laradas, como no noso Entroido ou na nosa noite de San Xoán. É pois un ritual de purificación, que Stonehaven acaba por ter esta forma de paseo.

Con todo, hai quen sinala que en tempos antigos un cometa debeu aparecer sobre os ceos de Stonehaven, coincidindo cunha época de especial fartura. Así pois, o ritual das bólas de lume sería un chamamento á fertilidade dos agros e das costas.

Ademais[editar | editar a fonte]

Nese día, en Stonehaven faise unha pequena festa ao aire libre, que se estende dende o serán do 31 ata a madrugada do día 1. Durante ese tempo funcionan atraccións de feira, hai un palco onde actúan grupos locais e os bares e pubs abren ata tarde. Na casa do concello tamén se celebra unha tradicional ceilidh, para a que é necesario mercar entradas varios días antes.

O propio festival das bólas é precedido por dous conxuntos, un de gaiteiros tradicionais, vestidos totalmente de negro, e un de tambores e bombos modernos.