Saltar ao contido

Axolema

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diagrama da histoloxía dun axón que mostra a localización do axolema no axón.
Neurona multipolar da que parte un axón

Denomínase axolema á parte da membrana plasmática dunha neurona que rodea o seu axón. Á parte das súas funcións xerais como membrana celular, ten importantes funcións no sistema nervioso, xa que é responsable de manter o potencial de membrana ao conter canles iónicas a través das cales poden intercambiarse ións rapidamente entre o interior e o exterior da neurona.[1] [2]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Segmento inicial do axón (AIS) de dúas neuronas. As diferentes cores indican diferentes composicións do axolema.

Todas as células do organismo están delimitadas por unha membrana plasmática. As células principais do sistema nervioso son as neuronas, as cales teñen longas prolongacións denominadas axóns, polas cales se establece a conexión con outras neuronas ou outras células. A parte da membrana correspondente ao axón é o axolema.
O axolema, igual que as restantes membranas do organismo, está formado por unha capa dobre de fosfolípidos con proteínas, ten a particularidade de contar con numerosas canles iónicas dependentes de voltaxe que son fundamentais para a transmisión do impulso nervioso. Identificáronse tres tipos de canles iónicas para o sodio, potasio e calcio. As canles de potasio son as responsables da repolarización no potencial de acción.[2] A membrana axolémica presenta dous sectores anatómicos característicos: o segmento inicial do axón e os nodos de Ranvier. [3]

Segmento inicial do axón (AIS)

É unha rexión de membrana moi especializada situada moi próxima ao soma da neurona. Alí inícianse os potenciais de acción e ten unha densidade especialmente alta de canles iónicas reguladas por voltaxe.[4]

Nodos de Ranvier

Son espazos dun micrómetro de lonxitude, que deixan exposta a membrana do axón ao líquido extracelular (eses puntos carecen de recubrimento de vaíña de mielina) e están distribuídos ao longo do axón. Facilitan a despolarización da membrana e a transmisión rápida e saltatoria de impulsos.

  1. Hamada, M. S.; Kole, M. H. P. (6 May 2015). "Myelin Loss and Axonal Ion Channel Adaptations Associated with Gray Matter Neuronal Hyperexcitability". Journal of Neuroscience 35 (18): 7272–7286. PMC 4420788. PMID 25948275. doi:10.1523/JNEUROSCI.4747-14.2015. 
  2. 2,0 2,1 Moreno Benavides, C (2017). "cap.3: Ultrastructura del axón". En Moreno Benavides, C; Velásquez-Torres, A; Amador-Muñoz, D; López-Guzmán, S. El nervio periférico: Estructura y función. Colombia: Universidad del Rosario, Textos Escuela de Medicina y Ciencias de la Salud. 
  3. Stys, edited by Stephen G. Waxman, Jeffery D. Kocsis, Peter K. (1995). The axon : structure, function, and pathophysiology. New York: Oxford University Press. pp. 39. ISBN 0195082931. 
  4. Kole, Maarten HP; Stuart, Greg J (2012). "Signal processing in the axon initial segment". Neuron (Revisión) 73 (2): 235–247. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]