Augustin Prosper Hacquard
Nome orixinal | (fr) Augustin Hacquard |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 18 de setembro de 1860 Albestroff, Francia |
Morte | 4 de abril de 1901 (40 anos) África |
Bispo titular | |
19 de xaneiro de 1898 – Diocese: Q522466 | |
Vigairo apostólico | |
19 de xaneiro de 1898 – Diocese: Arquidiocese de Bamako (pt) | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | bispo católico (1898–), sacerdote católico (1884–), explorador |
Orde relixiosa | Sociedade dos Missionários da África (pt) |
Consagración | François-Marie-Benjamin Richard de la Vergne (pt) |
Premios | |
Augustin Prosper Hacquard, M. Afr., nado o 18 de setembro de 1860 en Albestroff (na rexión da Lorena) e finado o 4 de abril de 1901 no río Níxer preto de Ségou (Malí), foi un padre branco francés, vigairo apostólico do Sáhara e o Sudán dende 1898 até o seu pasamento.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu o 18 de setembro de 1860 en Albestroff (na rexión da Lorena), fillo do agricultor Christophe Hacquard e de Thérèse Ohlmann, e estudou no seminario menor de Pont-à-Mousson.[1][2] Entrou no novizado en 1878 preto de Alxer, e o 8 de setembro de 1884 foi ordenado sacerdote dos Misioneiros de África; posteriormente pasou a ser profesor no seminario menor de Saint-Eugène, e preparou un doutoramento especializándose en lingua árabe e linguas africanas.[1][2]
Dentro da súa actividade misioneira destaca a súa participación dunha misión en 1894 entre os tuaregs, e a dirección da primeira expedición misioneira a Tombouctou, á que chegou o 21 de maio de 1895.[2] O 19 de xaneiro de 1898 foi nomeado vigairo apostólico do Sáhara e o Sudán e bispo titular de Rusicade, con xurisdición sobre o Sudán francés.[1][2] Recibiu a ordenación episcopal o 28 de agosto do mesmo ano, de mans do cardeal François-Marie-Benjamin Richard, e tivo como co-consagradores a Léon-Antoine-Augustin-Siméon Livinhac, superior da súa congregación, e a Alexandre-Louis-Victor-Aimé Le Roy, superior da Congregación do Espírito Santo.
Foi autor de obras sobre a lingua songai e sobre Tombouctou.[2] Finou afogado o 4 de abril de 1901 no río Níxer preto de Ségou (entón no Sudán francés, hoxe en Malí).[1][2]
Obra
[editar | editar a fonte]- Manuel de la langue soñgay, parlée de Tombouctou à Say dans la boucle du Niger [Manual da lingua songai, falada dende Tombouctou até Say no meandro do Níxer]. Xunto con Auguste Dupuis Yacouba. París: J. Maisonneuve. 1897.
- Monographie de Tombouctou [Monografía de Tombouctou]. París: Société des Études Coloniales & Maritimes. 1900.
Premios e distincións
[editar | editar a fonte]O 24 de abril de 1897 foi nomeado cabaleiro da Lexión de Honra.[1][3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 *Boudon, Jacques-Olivier (2021). Dictionnaire des évêques français du XIXe siècle. Editions du Cerf. ISBN 9782204141109.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Behn, Wolfgang (2006). Concise Biographical Companion to Index Islamicus: Bio-bibliographical Supplement to Index Islamicus, 1665-1980. 2 (H-M). BRILL. pp. 3–4. ISBN 9789047418092.
- ↑ "HACQUARD Prosper Augustin". Base Léonore. Consultado o 13/04/2022.