Atallo de teclado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O menú de Firefox cos atallos resaltados en verde e os mnemónicos resaltados en amarelo.

O atallo de teclado, a tecla de acceso rápido, a tecla aceleradora (hotkey) ou a combinación de teclas, é unha tecla ou conxunto de teclas que efectúa unha acción definida previamente (polo programador ou polo usuario dunha aplicación informática). Estas accións poden realizarse habitualmente doutro modo: navegando polos menús, tecleando unha instrución máis extensa, ou utilizando ou rato. Ao reducir estes pasos en combinacións de teclas, o usuario pode aforrar tempo e optimizar a súa experiencia.

As teclas de acceso rápido son unha forma diferente de executar un ou máis comandos que poden ser accesibles só a través dun menú, un dispositivo apuntador, diferentes niveis dunha interface de usuario, ou vía unha consola de comandos. Os accesos rápidos normalmente axilizan operacións comúns, reducindo varias secuencias de entrada a unhas poucas pulsacións de teclas.[1]

En ocasións, o único método para realizar unha acción é a través dunha combinación de teclas especial. Nestes casos, non se lles denomina atallos de teclado, aínda que a terminoloxía e notación sexa a mesma. Por exemplo, os portátiles, por norma xeral, inclúen teclas para axustar o brillo da pantalla.

Algunhas teclas de acceso rápido requiren que o usuario pulse unha única tecla ou unha secuencia de teclas unha despois doutra. Outros accesos rápidos requiren pulsar e manter varias teclas simultaneamente. Para os accesos rápidos que usan varias teclas simultaneamente, normalmente primeiro se mantén pulsada a tecla de modificación (Alt, Alt Gr, Ctrl, Maiús ou Shift) e logo se pulsa e solta rapidamente a tecla normal, e finalmente se solta a tecla de modificación. A distinción é importante, se se intenta pulsar todas as teclas ao mesmo tempo producirase moitas veces que non se pulse algunhas das teclas de modificación, ou que se produzan autorrepeticións indesexadas. Unha excepción son os accesos rápidos que utilizan a tecla Esc, que case sempre obriga a pulsar e soltar a tecla antes de premer a seguinte.

Notación[editar | editar a fonte]

Os atallos de teclado máis simples son aqueles compostos por unha única tecla. Nestes casos, simplemente se adoita escribir o nome da tecla, como "Pulsar F1 para obter a Axuda". O nome da tecla pode ser envolto entre corchetes, ou caracteres similares. Por exemplo: [F1] ou <F1>, para determinar a tecla F1. Ademais, pode resaltarse tamén con formato especial: grosa, cursiva, etcétera.

En moitos casos, cómpre pulsar varias teclas conxuntamente para conseguir un atallo de teclado. Nestes casos, a notación máis utilizada é a seguinte: escribir consecutivamente cada unha delas, unidas polo sinal máis-menos. Por exemplo: Ctrl+C ou Ctrl-C, para a combinación de teclas Ctrl+C.

Por último, existen algúns atallos de teclado que se activan mediante a pulsación individual de varias teclas, a modo de secuencia. Por exemplo: “Alt+A, S” ou “Alt+A; S”, que se pode definir como "Primeiro pulsar Alt e A conxuntamente, e logo S". Estes atallos de teclado, por norma xeral, representan unha serie de combinacións de teclas menores, que individualmente non definen unha acción específica, pero que conxuntamente si. No exemplo anterior, a combinación de teclas provocaría abrir o menú "Ficheiro" e posteriormente pechar o saír da aplicación, na maioría das aplicacións de escritorio.


Notas[editar | editar a fonte]

  1. En inglés, shortcut pode suxerir unha forma incompleta ou descoidada de facer algo. En consecuencia, algunhas aplicacións de ordenador deseñadas para seren controladas principalmente co teclado, coma Emacs, usan o termo alternativo key binding: vinculación de teclas.