O Asante Kotoko FC é un equipo de fútbol da cidade de Kumasi, en Ghana, un dos máis laureados do país e de África. Segundo a IFFHS, foi o mellor equipo africano do século XX. Fundado en 1926, o equipo gañou o seu primeiro gran título en 1959 co campionato de liga. Dende entón o seu palmarés non parou de medrar até acadar os 21 títulos de liga que ten actualmente. Nas competicións continentais o Asante Kotoko ten feito grandes actuacións, disputando 7 finais da Liga de Campións da CAF, das que só gañou 2.
O club xoga os seus encontros como local no Baba Yara Stadium de Kumasi, no cal collen 40.000 seareiros.
A camisola, os pantalóns e as medias do primeiro equipamento son de cor vermella. Varios xogadores do Asante Kotoko teñen tido éxito en equipos europeos, como Anthony Yeboah, Samuel Kuffour ou Asamoah Gyan.