Saltar ao contido

Arthrobacter

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Arthrobacter

Arthrobacter chlorophenolicus
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Actinobacteria
Clase: Actinobacteria
Orde: Actinomycetales
Familia: Micrococcaceae
Xénero: Arthrobacter
Conn & Dimmick, 1947

Arthrobacter (do grego, "bastonciño ou bacteria articulada”) é un xénero de bacterias que se encontran comunmente no solo. Todas as especies deste xénero son aerobios obrigados grampositivos, que teñen forma de bacilo durante a súa fase de crecemento expoñencial, e de cocos na súa fase estacionaria.

As colonias de Arthrobacter teñen unha parte central de cor verde metálica cando crecen en caldos de piridona de sales minerais incubados a 20 °C. Este xénero distínguese polos seus raros hábitos de división, nos cales a súa parede celular externa rompe formando unha articulación ou ángulo (de aí o seu nome). Os microbiólogos refírense a este tipo de división celular na cal os bacilos rompen orixinando cocos como reversión. Vistas ao microscopio, estas células células en división teñen forma de "V". Outras características notables son que poden utilizar a piridona como única fonte de carbono, e que os seus cocos son resistentes ao desecamento e á falta de alimento.

Unha especie, a A. crystallopoietes, fai diminuír os niveis de cromo hexavalente en solos contaminados, polo que podería ser útil en biorremediación.[1]

Arthrobacter chlorophenolicus sp. nov. é unha especie que ten a capacidade de degradar altas concentracións de 4-clorofenol, pode tamén ser útil para a biorremediación.[2] A Arthrobacter sp. cepa R1 (cepa 49987 do depósito de cultivos bacterianos ATCC) pode crecer alimentándose de diversos compostos aromáticos, incluíndo compostos homocíclicos, como os hidroxibenzoatos, e tamén con N-heterociclos, como as piridinas e picolina.[3]

Arthrobacter sp H65-7 produce o encima inulase II que converte a inulina en difrutosa anhídrido (DFA). A DFA axuda á absorción de calcio nos intestinos.

O encima Alu obtido de Arthrobacter luteus pode clivar as secuencias Alu do ADN humano, orixinando o tipo de secuencia xénica á que se lle dá o nome dese encima. As Alu son un grupo de secuencias xénicas moderadamente repetitivas (de 300 pb de lonxitude), que supoñen do 6 ao 8% do xenoma humano.[4]

  1. F.A.O Camargo, F.M. Bento, B.C. Okeke, and W.T. Frankenberger (2003). "Hexavalent chromium reduction by an actinomycete, Arthrobacter crystallopoietes ES 32". Biological Trace Element Research 97 (2): 183–194. PMID 14985627. doi:10.1385/BTER:97:2:183. 
  2. K Westerberg, AM Elvang, E Stackebrandt and JK Jansson (2000). "Arthrobacter chlorophenolicus sp. nov., a new species capable of degrading high concentrations of 4-chlorophenol". International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology 50: 2083–2092. PMID 11155983. 
  3. O'Loughlin, E. J., G.K. Sims, and S.J. Traina (1999). "Biodegradation of 2-methyl, 2-ethyl, and 2-hydroxypyridine by an arthrobacter sp. isolated from subsurface sediment". Biodegradation 10 (2): 93–104. PMID 10466198. doi:10.1023/A:1008309026751. 
  4. Marks A. Basic Medical Biochemistry: a Clinical Approach 3ed, p. 248.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]