Arreforias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Arreforias (en grego Ἀρρηφόρια, composto de ἄρρητον, árrēton "misterio" e φέρω, phérō "levar", Arrēphoria) era unha festa ateniense, instituída en honra de Atenea. Tamén era chamada Hersiforia, por Herse, filla de Cécrope no mes de esquiroforión (Scirropherion).

Dúas doncelas de liñaxe distinguida de entre sete e once anos eran elixidas para vivir durante un ano na Acrópole de Atenas como arréforas (do grego arrēphoroi), coidando a oliveira sacra e tecendo, coa axuda doutras mulleres, o novo peplo para Atenea. Os orgullosos pais conmemoraban o servizo das súas fillas facendo dedicatorias na Acrópole. Na festa anual das Arreforias, as mozas (de acordo con Pausanias), cun vestido branco bordado de ouro, colocaban nas súas cabezas o que a sacerdotisa de Atenea lles daba para levar e nin a sacerdotisa sabía o que lles daba, nin as mozas o que levaban. Na cidade había un recinto sacro, non moi lonxe do de Afrodita dos Xardíns onde existía unha pasaxe subterránea natural. As virxes descendían e deixaban alí o que trouxeran e tomaban algo para levalo, tamén tapado e descoñecido. Estas dúas virxes eran relevadas de inmediato e levaban a outras dúas até a Acrópole no seu lugar[1].

A interpretación desta festa é problemática debido á falta de fontes, pero está claro que as virxinais arréforas eran elixidas entre as familias máis nobres da cidade e despregábanse nun contexto de impregnación (resío), potencia sexual (Afrodita e Eros) e nacemento (Erictonio). A palabra "arrēphoros" probabelmente significa etimoloxicamente "portador de resío", que a primeira vista non axuda nada. As arréforas eran as encargadas de tecer o peplo de Atenea. As alétridas moían o gran de Atenea. As arquias eran as sacerdotisas que celebraban un rito destinado a perdoar unha ofensa a Artemisa. As canéforas eran as raparigas que levaban as cestas con todas as ofrendas para o festival.

As evidencias arqueolóxicas revelaron que preto do Erecteión unha escaleira secreta levaba, pasada a Acrópole, a un pequeno santuario de Eros e Afrodita escavado na roca, preto do cal estaba o recinto onde se dirixían. As asociacións míticas das arréforas tiñan o seu punto de partida, no Erecteión. Cécrope I, o primeiro rei de Atenas, cuxa tumba se atopaba no complexo, tiña tres fillas, Aglauro, Herse e Pándroso. O "misterio" xiraba ao redor da inocencia, a obediencia e a fecundidade. Dábanlles unha cesta pechada por Atenea, que lles prohibía abrila. Unha noite Aglauro e Herse caeron na curiosidade, abriron a cesta e viron a Erictonio, o misterioso fillo de Hefesto. Tamén había serpes na cesta, e aterrorizadas as dúas mozas saltaron da Acrópole cara á súa morte. O santuario de Aglauro atopábase ao pé do cantil, e pode ser o recinto onde descenderon as arréforas. Pándroso, que non sucumbiu a esta curiosidade fatal, tivo un santuario xunto á oliveira sacra na propia Acrópole.

No século -V, Aristófanes escribiu en Lisístrata as etapas polas que pasaban as mulleres durante esta festa:

"Cando só tiña sete anos, era arréfora (arrephoros), aos dez, era alétrida (aletris) para a arquegetis (archegetis), logo levaba a túnica laranxa como arkias (arkios, "oso") na Brauronia e, por último, tras converterme nunha rapaza fermosa, fun canéfora (kanephoros), cun colar de figos secos".<ref name="Cantarella">

Estas etapas implicaban certas tarefas que mostran a través delas un antigo sistema polas que todas as nenas debían pasar cando chegasen á puberdade. As etapas desta "iniciación" eran as seguintes:

  • As arréforas eran a primeira, nun momento en que os vestidos de nena eran brancos e comezaban a tecer para a ofrenda a Atenea. Esta é unha arte que levarán a cabo durante moito tempo as mulleres e por tanto débeselles ensinar a idade temperá.
  • A segunda etapa é ensinar á muller como enfornar o pan.
  • A terceira etapa é considerada un símbolo de morte e resurrección. As raparigas deben asistir e participar na festa coas mulleres maiores.

Estas etapas serían as tarefas que as nenas van realizar o resto das súas vidas e por tanto levan a cabo con gran coidado e importancia. Pénsase, a través das fontes, que a Ática sería unha das primeiras rexións na historia en ter un destas festas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cantarella, Eva. Pandora's Daughters: The Role & Status of Women in Greek & Roman Antiquity. The Johns Hopkins University Press, Baltimore. 1989.