Archaeopteris

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Archaeopteris
Rango fósil: 383 Ma-323 Ma
Devoniano tardío-Carbonífero temperán

Archaeopteris hibernica
Clasificación científica
Reino: Plantae

Clado: Tracheophytes

Clase: Progymnospermopsida
Orde: Archaeopteridales
Familia: Archaeopteridaceae
Xénero: †Archaeopteris
Dawson (1871)
especies
  • Archaeopteris fissilis
  • Archaeopteris gaspiensis
  • Archaeopteris halliana
  • Archaeopteris hibernica
  • Archaeopteris macilenta
  • Archaeopteris notosaria
  • Archaeopteris obtusa
  • Archaeopteris sphenophyllifolia

Archaeopteris é un xénero extinto de árbores proximnospermas con follas similares ás dos fentos. É un útil fósil índice que se encontra en estratos desde o Devoniano superior ao Carbonífero inferior (hai entre 383 e 323 millóns de anos), pero os seus fósiles máis antigos poderían ser de hai 385 millóns de anos,[1] e tivo unha distribución global.

Ata o descubrimento en 2007 de Wattieza, moitos científicos consideraban que Archaeopteris era a árbore máis antiga coñecida. É unha árbore con gromos, zonas de nacemento das ramas reforzadas e troncos ramificados similares á madeira do dos nosos días, que lembra máis ás árbores modernas formadoras de sementes que a outros taxons que forman esporas. Combina características de árbores leñosas e fentos herbáceos, e pertence ás proximnospermas, un grupo de plantas extintas con madeira similar á de ximnospermas, pero que produce esporas en vez de sementes.

Reconstrución de Archaeopteris macilenta do Devoniano tardío, formación Walton de Hancock, Nova York
Fragmento puído de madeira permineralizada de Callixylon whiteanum do Devoniano tardío das lousas de Woodford de Ada, Oklahoma

Taxonomía[editar | editar a fonte]

John William Dawson describiu o xénero en 1871. O nome deriva do grego antigo ἀρχαῖος, archaīos 'antigo', e πτέρις, ptéris, 'fento'. Archaeopteris clasificouse orixinalmente como fento, e isto non cambiou nos seguintes 100 anos. En 1911, o palontólogo ruso Mikhail Dimitrievich Zalessky describiu un novo tipo de madeira petrificada da cunca de Donets na moderna Ucraína. Chamouna Callixylon, aínda que só atopou estruturas do tronco. Non pasou desapercibida a semellanza coa madeira dunha conífera. Tamén se atopaban a miúdo restos de fentos do xénero Archaeopteris asociados cos fósiles de Callixylon.

Na década de 1960 o paleontólogo Charles B. Beck conseguiu demostrar que a madeira fósil coñecida como Callixylon e as follas coñecidas como Archaeopteris eran en realidade parte da mesma planta.[2][3] Era unha planta cunha mestura de características nunca vistas en ningunha planta viva, unha ligazón entre as verdadeiras ximnospermas e os fentos.

O xénero Archaeopteris está situado na orde Archaeopteridales e a familia Archaeopteridaceae. O nome é similar ao do réptil alado emplumado posible antepasado das aves Archaeopteryx ('pluma ou á antiga'), pero no caso desta planta o seu nome refírese ás natureza das frondes da planta, similares ás dun fento (pteris).

Relación coas espermatófitas[editar | editar a fonte]

Archaeopteris é membro dun grupo de plantas leñosas produtoras de esporas chamadas proximnospermas, que se interpretan como os antepasados das ximnospermas. Archaeopteris reproducíase liberando esporas en vez de producindo sementes, pero algunhas das especies, como Archaeopteris halliana eran heterospóreas, producindo dous tipos de esporas. Pénsase que representa un paso inicial na evolución das plantas vasculares cara á reprodución por sementes,[4] que apareceron primeiro nos grupos de ximnospermas máis antigos extinguidos hai longo tempo, os fentos con sementes (Pteridospermatophyta). As coníferas ou Pinophyta son unha das catro divisións de ximnospermas existentes que se orixinaron a partir de fentos con sementes durante o período carbonífero.

Descrición[editar | editar a fonte]

As árbores deste xénero crecen normalmente ata os 24 m de altura[5] e teñen follaxe parecido no seu conxunto ao dalgunhas coníferas. As grandes frondes similares ás dos fentos están densamente formadas por folíolos con forma de abano ou pinnas. O tronco dalgunhas especies superaba os 1,5 m de diámetro. As pólas nacían do tronco arranxadas en espiral, e na base de cada póla había unha estípula bifurcada.[5] Nas pólas, os talos follosos nacían opostos nun só plano. Nas ramas fértiles algunhas das follas eran substitñidas por esporanxios (cápsulas das esporas).

Outras adaptacións modernas[editar | editar a fonte]

Ademais do seu tronco leñoso, Archaeopteris posuía outras adaptacións modernas á intercepción da luz e quizais tamñen á estacionalidade. O gran paraugas de frondas parece que estaba bastante optimizado para a intercepción da luz no nivel do dosel arbóreo. Nalgunahs especies as pínnulas tiñan unha forma e orientación axeitada para evitar darse sombra unhas ás outras. Hai probas [Cómpre referencia] de que a fronda completa se desprendía toda xunta como unha soa unidade, quizais estacionalemtne, como a follaxe moderna caduca ou como árbores da familia do ciprés Cupressaceae.

A planta ten zonas nodais que puideron ser sitios importantes para o desenvolvemento posterior de raíces laterais e pólas. Algunhas pólas eran latentes e adventicias, similares ás que producen árbores hoxe vivas que finalmente se desenvolven en raíces. Antes desa época, a norma era que as plantas tivesen raíces rizomatosas pouco profundas, pero con Archaeopteris, empezaron a desenvolverse sistemas de raíces máis profundas que poderían soportar o crecemento de plantas máis altas.

Hábitat[editar | editar a fonte]

As probas indican que Archaeopteris prefería os solos húmidos, prosperaban preto dos sistemas fluviais e en bosques de chaira de inundación. Seguramente formaban unha parte significativa da vexetación do dosel dos primeiros bosques. Falando da primeira aparición de Archaeopteris no mundo, Stephen Scheckler, un profesor de bioloxía e ciencias xeolóxicas do Instituto Politécnico de Virxinia, dixo: "cando aparece [Archaeopteris], rapidamene se fai a árbore dominante en toda a Terra. Todas as áreas terrestres que eran habitables, tiñan esta árbore". Unha especie, Archaeopteris notosaria, atopouse no que entón era o Círculo Polar Antártico: identificáronse follas e estruturas fértiles no lagerstätte da granxa de Waterloo, no que agora é África do sur.[6]

Scheckler cre que Archaeopteris tivo un papel importante na transformación do seu ambiente. "As súas folla caídas alimentaban os cursos de auga e foron un factor importante na evolución dos peixes de auga doce, cuxo número e variedade sufriron unha explosión nesa época, e influenciaron a evolución doutros ecosistemas mariños. Foi a primeira planta que produciu un extenso sistema de raíces, así que tivo un profundo impacto na química do solo. E unha vez que aconteceron estes cambios no ecosistema, quedaron cambiados para sempre. Foi unha cousa única."[7]

Cun aspecto ata certo punto parecido ao dunha árbore de Nadal de copa pesada, Archaeopteris puido contribuír á transformación climática da Terra durante o Devoniano antes de extinguirse subitamente nun curto período de tempo ao principio do Carbonífero.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fossilized Roots Are Revealing the Nature of 385-Million-Year-Old Forests
  2. Beck, CB (1960). "The identity of Archaeopteris and Callixylon.". Brittonia 12 (4): 351–368. JSTOR 2805124. doi:10.2307/2805124. 
  3. Beck, CB (1962). "Reconstruction of Archaeopteris and further consideration of its phylogenetic position." (PDF). American Journal of Botany 49 (4): 373–382. JSTOR 2439077. doi:10.2307/2439077. hdl:2027.42/141981. 
  4. Bateman, R.M.; W.A. Dimichele (1994). "Heterospory - the most iterative key innovation in the evolutionary history of the plant kingdom" (PDF). Biological Reviews of the Cambridge Philosophical Society 69 (3): 345–417. doi:10.1111/j.1469-185x.1994.tb01276.x. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2012-04-15. Consultado o 2010-12-30. 
  5. 5,0 5,1 Beck, C. (1962). "Reconstructions of Archaeopteris, and further consideration of its phylogenetic position". American Journal of Botany 49 (4): 373–382. JSTOR 2439077. doi:10.1002/j.1537-2197.1962.tb14953.x. hdl:2027.42/141981. 
  6. Anderson, H. M., Hiller, N. and Gess, R. W.(1995). Archaeopteris (Progymnospermopsida) from the Devonian of southern Africa. Botanical Journal of the Linnean Society 117, 305–320.
  7. Virginia Tech, "Earliest Modern Tree Lived 360-345 Million Years Ago," ScienceDaily, 22 de abril de 1999

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]