Arado Ar 234

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arado Ar 234
234B Blitz
Tipobombardeiro, recoñecemento
FabricanteArado Flugzeugwerke
Primeiro voo30 de xullo de 1943
Introducidosetembro de 1944
Estadoretirado
Principais usuariosLuftwaffe
Unidades construídas210

O Arado Ar 234 Blitz foi un bombardeiro birreactor monopraza alemán usado pola Luftwaffe no final da segunda guerra mundial. O Ar 234 foi o primeiro bombardeiro a reacción en servizo operativo do mundo. Entrou en combate durante a batalla das Ardenas, bombardeando Liexa o día de noiteboa de 1944.

O desenvolvemento do Ar 234 pode remontarse á segunda metade de 1940 e a solicitude de licitación do Ministerio de Aviación para producir un avión de recoñecemento de alta velocidade con propulsión a reacción. Arado foi a ñunica compañía que respondeu co seu deseño E.370. Aínda que o seu alcance era menor que o especificado polo Ministerio, realizouse inmediatamente un pedido de dous prototipos, designados Ar 234. Aínda que ámbolos dous prototipos estaban case completos antes de final de 1941, os turborreactores Junkers Jumo 004 non estiveron dispoñibles ata febreiro de 1943. Debido á pouca fiabilidade do motor, o primeiro voo do Ar 234 V1 atrasouse ata o 30 de xullo de 1943. Ademais do orixinal Ar 234A orientado ao recoñecemento, desenvolveuse tamén o bombardeiro rápido Ar 234B en resposta a unha petición do Ministerio de Aviación. Debido á falta de espazo interno na relativamente esvelta fuselaxe, a carga de bombas de ata 1 500 kg tiña que ir en soportes externos.

Fabricáronse poucas unidades, a pesar de que os plans eran de fabricar 500 por mes a finais de 1945, e usouse case enteiramente como avión de recoñecemento. Nos seus poucos usos como bombardeiro demostrou que era case imposible interceptalo. Foi o derradeiro avión da Luftwaffe en voar sobre o Reino Unido durante a guerra, en abril de 1945.[1]

Deseño e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O Ar 234 non foi concibido como bombardeiro, senón como avión de recoñecemento tras unha solicitude por parte do Ministerio do Aire alemán dun reactor de recoñecemento de alta velocidade, e de feito a maior parte dos seus logros foron neste campo. O proxecto, chamado nun principio E 370, comezou a tomar forma principios de 1941 baixo a dirección de Walter Blume.[2] A idea inicial era a dun avión monoplano de á alta con dous motores Junkers Jumo 004 en góndolas baixo as ás e un tren de aterraxe en triciclo que se desprendía aos 60 metros de altura. O tren descendería en paracaídas para ser reutilizado, deixando que o avión aterrase cuns patíns retráctiles. O motivo deste sistema era que o avión puidese levar maior cantidade de combustible e aumentar o alcance das misións de recoñecemento.

Arado estimaba unha velocidade máxima de 780 km/h a 6 000 m, unha altitude operativa de 11 000 m e un alcance de 1 995 km. O alcance era curto para o requirimento do Ministerio do Aire, pero o deseño gustou e encargaron dous prototipos, sendo o modelo redesignado Ar 234. Os dous avións estaban case cmpletos a finais de 1941, pero os motores Jumo 004 non estiveron listos ata febreiro de 1943.[2] Cando chegaron Junkers considerounos pouco fiables para ser usados en voo e utilizáronse para probas estáticas e de rodadura. Cando os motores estiveron listos para voar o Ar 234 V1 fixo o seu voo de estrea o 30 de xullo de 1943 no aeródromo de Rheine (no presente a base aérea de Rheine-Bentlage).

No mes de setembro xa habúia catro prototipos voando. O segundo deles, o Arado Ar 234 V2, esnafrouse o 2 de outubro de 1943 en Rheine tras incendiarse a súa á esquerda, e fallar os dous motores e varios instrumentos. O avión caeu dende unha altura de 1 200 m matando ao piloto, o Flugkapitän Selle.[3] Os oito prototipos equipáronse co tren de aterraxe orixinal planeado, pero este nunca chegou a instalarse na versión de produción Ar 234A.

Decidiuse entón deseñar un tren triciclo normal para a versión de bombardeo, coa bomba suspendida na fuselaxe, entre as rodas centrais. Para axudar na engalaxe en pistas curtas instaláronse nas zonas externas das ás uns foguetes aceleradores de porpergol líquido, que lle daban ao avión un pulo adicional. Aos 30 segundos de acenderse estes desprendíanse e caían en paracaídas para ser reutilizados.

O sexto e o oitavo prototipos estaban impulsados por catro reactores BMW 003 en vez de dous Jumo 004. O sexto levábaos en góndolas individuais e o oitavo en góndolas dobres baixo as ás. Estes foron os primeiros reactores catrimotores en voar. O prototipo Ar 234 V7, con dous motores Jumo 004, sería o primeiro reactor da historia en realizar unha misión de recoñecemento o día 2 de agosto de 1994 co piloto Erich Sommer aos mandos.[4]

En marzo de 1944, antes incluso das probas de voo, comezouse a preparar en Alt Loennewitz, Saxonia, unha fábrica especial para a produción masiva do Ar 234B.

Na primavera de 1945 varios exemplares foron modificados como cazas nocturnos, sendo equipados cun radar na proa e un radarista metido na popa da fuselaxe, por detrás das ás. Incluían tamén dous canóns de 20 mm baixo a fuselaxe.

Nas últimas semanas de guerra apareceu o Ar 234C do que só se fabricaron 14 unidades e apenas entraron en combate. En marzo de 1945 os soviéticos ocuparon as fábricas de Arado e a súa produción concluíu para sempre.

Especificacións[editar | editar a fonte]

Arado Ar 234
  • Tipo: Bombardeiro birreactor monopraza Arado Ar 234B-2
  • Planta motriz: dous turborreactores Junkers Jumo 004B de 890 kg de pulo
  • Envergadura: 14,10 m
  • Lonxitude: 12,64 m
  • Altura: 4,30 m
  • Superficie alar: 26,40 m²
  • Peso na engalaxe: 9.450 Kg
  • Velocidade máxima: 740 Km/h
  • Teito: 10.000 m
  • Alcance: 1.630 Km
  • Armamento: ata dúas bombas de 1.000 Kg baixo as góndolas motrices

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Boyne 1994, p. 325
  2. 2,0 2,1 Ford, Roger, 1947-. Germany's secret weapons of World War II. Londres. ISBN 9781909160569. OCLC 828418704. 
  3. Price 2008, pp. 109-110
  4. "Arado Ar 234". Wings of the Luftwaffe. Discovery Military Channel

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Boyne, Walter J. Clash of Wings. Nova York: Simon & Schuster, 1994. ISBN 0-684-83915-6.
  • Price, Dr. Alfred. "Arado Ar 234". ''International Air Power Review,'' Volume 24, 2008. Westport, Connecticut: AIRTime Publishing Inc. ISSN 1473-9917.