Antiparalelismo (bioquímica)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
As dúas cadeas do ADN son antiparalelas con respecto aos seus extremos 5' e 3'.
Ilustración dos patróns de enlaces de hidróxeno (liñas descontinuas) entre dúas cadeas polipeptídicas antiparalelas con estrutura secundaria en folla beta.

En bioquímica, dous biopolímeros presentan antiparalelismo ou son antiparalelos se discorren paralelamente un con respecto ao outro pero en direccións opostas. Un exemplo son as dúas cadeas complementarias que forman a dobre hélice do ADN, que discorren en direccións opostas (por onde empeza unha acaba a outra).

Ácidos nucleicos[editar | editar a fonte]

As moléculas de ácidos nucleicos teñen un extremo 5', por onde se considera que empeza a cadea, cun grupo fosfato, e un extremo 3' cun grupo hidroxilo, por onde acaba. Se nun extremo dun ADN bicatenario está o extremo 5' dunha das cadeas, alí está o extremo 3' da outra cadea, xa que son antiparalelas.

Cando se realiza a transcrición xenética cópiase unha molécula de ARN complementaria en dirección antiparalela a partir do ADN molde ou antisentido; neste caso a ARN polimerase sintetiza o novo ARN en dirección 5'→3', movéndose sobre o ADN desde 3' a 5'.

Durante a replicación do ADN a ADN polimerase replica o ADN tamén de forma antiparalela de xeito similar ao da transcrición.[1] A estrutura antiparalela é importante na replicación do ADN, xa que a ADN polimerasa sempre sintetiza en dirección 5'→3', polo que as dúas febras novas sintetízanse en sentido contrario, e unha sintetízase de forma continua e rápida (a febra líder) e a outra de forma lenta e descontinua formando fragmentos de Okazaki (a febra ratardada).

Polipéptidos[editar | editar a fonte]

As cadeas polipeptídicas teñen un extremo C-terminal cun grupo carboxilo (COOH), que é por onde se considera que empezan, e un extremo N-terminal cun grupo amino (NH2), que é por onde se considera que rematan. Dúias cadeas polipeptídicas son antiparalelas se están dispostas de modo que onde unha ten o extremo C-terminal a outra ten o N-terminal. Se as dúas teñen o extremo C-terminal no mesmo lado, entón son paralelas. Isto é importante na estrutura secundaria en folla beta.

Folla beta[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Folla beta.

Moitas proteínas poden adoptar unha disposición en folla beta antiparalela como parte da estrutura secundaria dunha soa cadea polipeptídica, ou como a estrutura adoptada por varias cadeas polipeptídicas colocadas en paralelo, como ocorre nas beta-queratinas. Nas follas beta, seccións dunha mesma cadea polipeptídica poden discorrer paralelas unhas ao lado das outras, formando entre elas pontes de hidróxeno entre os átomos de osíxeno dunha e os de hidróxeno (unidos a nitróxeno) situados enfronte implicados nos enlaces peptídicos entre os aminoácidos. Os enlaces son similares cando se trata de follas beta antiparalelas entre cadeas polipeptídicas distintas filamentosas situadas paralelamente, nas cales cando o cabo dunha empeza nun extremo C-terminal a outra nese punto acaba nun extremo N-terminal; as sucesivas cadeas que se unan así van alternando os seus extremos antiparalelamente. Non todas as follas beta son antiparalelas; existen tamén follas beta paralelas nas que todas as cadeas empezan no mesmo extremo por un C-terminal, e acaban todas no outro extremo nun N-terminal.

Complexos proteicos[editar | editar a fonte]

Noutras asociacións de proteínas e complexos proteicos pode darse antiparalelismo cando as proteínas discorren paralelamente pero en direccións opostas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Benson, Gary. "Anti-Parellel Strands". K*Nex DNA Modeling. Boston University. http://tandem.bu.edu/knex/anti.parallel.knex.html. Consultado o O" outubro 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]