Anomalista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os anomalistas eran unha escola de gramáticos gregos que defendía a importancia das irregularidades na estrutura da lingua grega, opoñéndose así aos analoxistas.

Este debate apareceu no século II a.C. en relación coa importancia que se debería dar á regularidade no estudo dos fenómenos lingüísticos. Para os anomalistas, a gramática concebíase como unha colección de excepcións. Non negaban a importancia da analoxía, mais pretendían pór en envidencia que existían numerosas irregularidades que non se podían explicar. Para eles, a lingua non era produto dunha convención humana, o que a tería feito regular, senón froito das forzas da natureza. Para a redacción de gramáticas preferían a descrición do uso fronte aos esquemas lóxicos.

Entre as anomalías que se podían citar no grego estaban que o artigo era ho en masculino, he en feminino mais to en neutro. Insistían tamén nas distorsións que existían na lingua entre o número ou xénero gramatical e a realidade: Athenai ("Atenas") é plural mais designa simplemente unha cidade; paidion ("neno") é neutro.