Angelines Fernández

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

María de los Ángeles Fernández Abad, nada en Madrid o 30 de xullo de 1924 e finada na Cidade de México o 25 de marzo de 1994, coñecida como Angelines Fernández, foi unha actriz e comediante mexicana. É lembrada por interpretar o personaxe de Doña Clotilde, La Bruja del 71, na serie El Chavo del 8 (1973).

Na súa mocidade foi guerrilleira e loitou xunto á República na guerra civil española.[1] Tras a vitoria franquista, en 1947 decidiu emigrar a México, onde se converteu en actriz e obtivo a nacionalidade. Nos seus inicios no país participou no elenco de varias películas, entre elas El diario de mi madre (1958), Misterios de la magia negra (1958), El esqueleto de la señora Morales (1960), El padrecito (1964), Corona de lágrimas (1968) e El profe (1971). Con todo, logrou o éxito internacional cando comezou a traballar con Roberto Gómez Bolaños na serie de televisión El Chavo del 8, en que apareceu por primeira vez en 1972. Tamén participou noutras producións de Bolaños, como El Chapulín Colorado e Chespirito.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

María de los Ángeles Fernández Abad naceu o 30 de xullo de 1924 en Madrid, España, filla de José Fernández e Manuela Abad.[2][3][4]

A súa mocidade transcorreu durante a Segunda República española, polo que se uniu ás guerrillas antifascistas e anarcosindicalistas que loitaban contra o fascismo do entón xeral Francisco Franco. Pelexou durante toda a guerra dende o bando republicano. Franco tomou o poder tras o fin da guerra civil española en 1939. Ao considerar que a súa vida estaba en perigo debido ao seu apoio ao maquis, emigrou a México en 1947.[1][5]

Alí converteuse en actriz e traballou inicialmente en teleteatros, convidada polo seu compatriota Ángel Garasa, e na emisora de radio XEW. Traballou en filmes xunto a artistas destacados de México como Cantinflas e Arturo de Córdova. Con todo, o seu papel máis importante foi o de Doña Clotilde, la Bruja del 71, a eterna namorada de Don Ramón, personaxe representado polo actor Ramón Valdés, na serie Chespirito desde 1971 e en El Chavo del 8 a partir de 1973. Ese papel obtívoo xustamente grazas ao seu amigo, quen a presentou a Chespirito. Fernández traballou durante 20 anos con Chespirito, de 1971 a 1991.

Vida persoal e morte[editar | editar a fonte]

Fernández tivo unha filla chamada Paloma Fernández.[1][6]   O 25 de marzo de 1994 Fernández faleceu aos 69 anos na Cidade de México. As causas da morte incluíron trastornos do ritmo cardíaco, insuficiencia respiratoria aguda e insuficiencia renal crónica. Na súa acta de defunción consta que a súa única nacionalidade era mexicana, polo que probabelmente perdera a nacionalidade española.[7] Foi sepultada nunha cripta do cemiterio Mausoleos del Ángel, na Cidade de México.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Programas de televisión[editar | editar a fonte]

Películas[editar | editar a fonte]

Telenovelas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Entrevista a la hija de Angelines Fernández - Homenaje a Chespirito y su elenco de actores". www.vecindadch.com (en castelán). 17 de novembro de 1999. Consultado o 12 de decembro de 2022. 
  2. Fernández Paz, Martín (11 de novembro de 2018). "Un amor que venció a la muerte: la historia real de los actores que interpretaron a "Don Ramón" y la "Bruja del 71"". Infobae (en castelán). Consultado o 12 de decembro de 2022. 
  3. "Angelines Fernández, Biografía de la actriz del Chavo del 8". VecindadCH (en castelán). Consultado o 2 de abril de 2022. 
  4. "Foto da súa cripta co ano de nacemento" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2022. Consultado o 28 de xullo de 2022. 
  5. "Peleó contra Franco antes de ser la Bruja del 71". Semana (en castelán). 2 de abril de 2019. ISSN 2745-2794. Consultado o 12 de decembro de 2022. 
  6. Inzunza, Francisco (13 de setembro de 2020). "Ella es Paloma Fernández, hija de Angelines Fernández, la «eterna enamorada» de Ramón Valdés". debate (en castelán). Consultado o 12 de decembro de 2022. 
  7. Rodarte, Jorge (13 de xullo de 2021). "El pasado de "La Bruja del 71" como guerrillera". debate (en castelán). Consultado o 12 de decembro de 2022. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]