Saltar ao contido

Anduriñón real

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Andoriñón real»)
Anduriñón real

Andoriñón en Barcelona


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Apodiformes
Familia: Apodidae
Xénero: Tachymarptis
Especie: T. melba
Nome binomial
Tachymarptis melba
(Linnaeus, 1758)
Distribución
Distribución

Distribución

O anduriñón real[2] ou andurón real (Apus melba ou Tachymarptis melba) é un cirrio migratorio que cría nas montañas que van do sur do continente europeo ata o Himalaia.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Anduriñón real

Miden uns 23 cm. de longo e pesan entre 75 e 125 gramos. A envergadura das súas ás, que acada os 55 cm., fainos claramente meirandes có cirrio común. Son negros, coa barriga e a gorxa brancas separadas por unha faixa marrón no peito. A cola é curta e en forma de galleto. As ás, moi longas, danlles aspecto de media lúa cando voan, por ben que tamén poden voar en ocasións con elas rectas. O seu voo é máis lento e poderoso có dos cirrios comúns.

O seu chío característico e un berro ascendente que se pode oír a moita distancia e que emiten sobre todo nas tardes de verán. (Escoitar).

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Os anduriñóns reais crían nas montañas europeas e asiáticas e pasan o inverno no sur de África e no Indostán. Durante a migración móvense de xeito errático e poden verse en boa parte da Europa e Asia meridionais. Aparentemente a especie tivo unha área de distribución meirande durante a derradeira glaciación, cando colonias grandes criaban por exemplo, hai entre 40.000 e 20.000 anos, nunha cova en Komarova, preto de Chestokova, Polonia (Tomek & Bocheński 2005). As aves europeas marchan para a África subsahariana a primeiros de outubro e volven en marzo e abril.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Son grandes voadores que pasan máis das súas vidas no aire. Poden voar a favor ou en contra do vento, acadando alturas de ata 3.000 metros e velocidades de 250 km. hora.

Alimentación

[editar | editar a fonte]
Anduriñón bebendo

Aliméntanse do chamado "plancto aéreo", composto por artrópodos voadores de tamaño pequeno e mediano, que, en boas condicións, atrapan en grandes cantidades en pouco tempo. En días de bo tempo sobrevoan a grande altura as cidades e as zonas adxacentes á procura de comida. Con tempo malo voan baixo sobre prados e zonas acuáticas. Coma as andoriñas beben mentres voan sobre a auga, mantendo a parte inferior do bico lixeiramente por debaixo da superficie. En ocasións toman mesmo "baños" curtos mentres voan.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Anduriñón real voando
Tachymarptis melba
Colonia de anduriñóns

Crían en colonias en furados, fendas e nichos das penas. Na cunca mediterránea fano en acantilados rente ó mar. Outros fano en zonas montañosas como os Pireneos, o Cáucaso ou os Alpes. Dende hai algúns séculos (se cadra xa dende a antigüidade), crían e repousan tamén en edificios. As parellas fórmanse para toda a vida e volven ano tras ano ós mesmos niños, reparándoos cando é preciso. Os niños están feitos de plumas, pallas e pelos que pegan con saliva para formar unha cunca. Poñen dous ou tres (poucas veces catro) ovos brancos, que os dos membros da parella se roldan para chocar. A incubación dura entre 18 e 22 días e son coidados polos pais entre 54 e 66 días. Os polos son alimentados con bolas alimenticias formadas por insectos e arañas.

  1. BirdLife International (2012). "Tachymarptis melba". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

O anduriñón real na "Lista vermella de especies ameazadas" da IUCN