Amor líquido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Amor líquido
Autor/aZygmunt Bauman
Data de pub.2003
editar datos en Wikidata ]

Amor líquido é un concepto creado polo sociólogo polaco Zygmunt Bauman. Desenvolvido na súa obra homónima, describe o tipo de relacións interpersoais que se desenvolven na posmodernidade. Segundo o autor, están caracterizadas pola falta de solidez, calidez e compromiso. Amais, teñen tendencia a seren cada vez máis fugaces, superficiais e etéreas. Malia que o concepto adoite usarse para as relacións baseadas no amor romántico, Bauman tamén desenvolve o concepto para falar en xeral do amor ao próximo.[1]

Desenvolvemento do concepto[editar | editar a fonte]

Bauman explica como nas sociedades do capitalismo avanzado aparecen certas tendencias que afectan á concepción das relacións persoais. A tendencia ao individualismo fai ver as relacións fortes como un perigo para os valores de autonomía persoal. A isto úneselle a xeneralización do consumismo, o que provoca a mercantilización de diversos ámbitos da vida. Neste sentido, as persoas empezan a ser concibidas como mercadorías para satisfaceren necesidades. O amor convértese nunha sorte de consumo mutuo guiado pola racionalidade economicista en que o ethos económico invade as relacións persoais.

Neste contexto, os vínculos afectivos estables convértense nunha hipoteca. A idea do matrimonio católico indisolúbel convértese nun prazo inasumible nunha sociedade marcada polo presente eterno e a sociedade de consumo.

Vivir xuntos –por exemplo— adquire o atractivo do que carecen os vínculos de afinidade. As súas intencións son modestas, non se fan promesas, e as declaracións, cando existen, non son solemnes, nin están acompañadas por música de corda ni mans enlazadas. Case nunca hai unha congregación como testemuña e tampouco ningún plenipotenciario do ceo para consagrar a unión. Un pide menos, confórmase con menos e, xa que logo, hai unha hipoteca menor para pagar, e o prazo do pagamento é menos desalentador.

Para Bauman, as relacións por Internet convértense no modelo que se exporta ás relacións da vida real. De feito, búscanse máis ben conexións, por estas non necesitaren implicación nin profundidade. Nas conexións cadaquén decide cando e como conectarse, e sempre pode premer a tecla de «suprimir».

Nunha vida de continua emerxencia, as relacións «virtuais» superan facilmente o real. Malia ser sobre todo o mundo «offline» o que impulsa a mocidade a estar en constante movemento, tales presións serían inútiles sen a capacidade electrónica de multiplicar os encontros interpersonais. Isto outórgalles un carácter fugaz, desbotábel e superficial. As relacións virtuais están provistas das teclas «suprimir» e «spam» que protexen das pesadas consecuencias (sobre todo, a perda de tempo) da interacción en profundidade.
Z. Bauman (2011:23)

Bauman describe o amor actual como produto dun individualismo exacerbado que se tornou nun xogo de riscos moderno e complexo. O segredo deste é non pechar portas ás demais relacións, xa que estas se consideran conexións que poden desaparecer ante calquera signo de debilidade ou aburrimento. Así, a única forma de manter ao día as relacións é non perder a frescura.[1] Bauman determina que o posmodernismo é produto das relacións capitalistas actuais onde non existe nada seguro. Nelas, a incerteza é o pan de cada día e a única constante é a falla de pertenza e de filiación, así como o fin das ideoloxías. O posmodernismo trae como consecuencia, xa que logo, o hedonismo, que máis que unha aberración minoritaria constitúe a opción cada vez máis recorrente. A satisfacción inmediata, o narcisismo e as tendencias banais son os trazos definitorios do individuo actual.

Debido a iso, o amor volveuse líquido e está en constante cambio do mesmo xeito en que cambia o individuo. Xa nada é como no pasado, ao cal Bauman define como un tempo con valores máis firmes e sólidos e menos volubles.[2]

Críticas[editar | editar a fonte]

Enrique Gil Calvo encadra o concepto dentro do pensamento débil do ensaio posmoderno (que denomina de xeito irónico «ensaísmo líquido»). Considera que a obra de Bauman non crea conceptos orixinais, senón que recicla vellas teorías cun obxectivo comercial.[3]

Desde os estudos de xénero criticouse o concepto por non analizar as diferentes formas de entender o amor que tiveron homes e mulleres ao longo da historia. Neste sentido, autores como Matamoros sosteñen que tradicionalmente as mulleres amaban de xeito sólido mentres que os homes amaban de xeito líquido. Deste xeito, propón reformular as teses de Bauman para pescudar por que agora as mulleres tamén aman de xeito líquido. Unha posible resposta é que unha condición para amar de xeito líquido é ter unha independencia persoal que poida levar a concibir o amor como unha ameaza a esta. O sistema patriarcal levou a que os homes puideron concibir as relacións deste xeito ao longo da historia. Porén, para as mulleres isto só foi posíbel nas últimas décadas.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Bauman, Zygmunt (2003). Liquid Love: On the Frailty of Human Bonds (en inglés) (1ª ed.). Polity. ASIN 0745624898. ISBN 9780745624891. 
  2. Bauman, Zygmunt (2010). 44 Letters from the Liquid Modern World (en inglés) (1ª ed.). Polity. ISBN 9780745650562. 
  3. Gil Calvo, Enrique (18 de agosto de 2007). "Retrato intelectual del ensayista líquido". El País (en castelán) (Grupo Prisa). Consultado o 21 de abril de 2023. 
  4. Matamoros, Alberto (2011). "De los amores líquidos" (PDF). Cuaderno de Materiales (en castelán) (23): 813–815. ISSN 1139-4382.