Amerindia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Amerindia é o nome polo que se coñece a Sinfonía Nº 10 de Heitor Villa-Lobos. O seu título real era Sumé Pater Patrium e a súa estrea foi en París o 4 de abril de 1957.

Contexto[editar | editar a fonte]

Trátase dunha obra composta en Río de Janeiro no 1952. Foi un encargo da Comissão do IV Centenário da cidade de São Paulo. Foi editada en París pola Editorial Max Eschig. O autor adicoulle a obra á súa dona Armindia Villa-Lobos.

Segue a tradicional división en movementos das sinfonías e inclúe coros e solistas. Motivo polo cal tamén se lle ten outorgado o carácter de oratorio, xa que ademais, os textos das diferentes partes teñen unha relación estreita e directa entre eles.

Características[editar | editar a fonte]

Textos e Instrumentación[editar | editar a fonte]

O texto desta sinfonía baséase no poema mariano do xesuíta José de Anchieta, titulado De beata Virgine Dei Matre Maria. Ademais do latín, tamén aparecen fragmentos en portugués e en tupí. Vocalmente son cinco os participantes na obra: o coro feminino, o coro masculino, o barítono, o baixo e o tenor.

En canto a instrumentación, Villa-Lobos mesturou instrumentos propios dunha gran orquestra con outros de orixe indio, coma os píos, o chucalho, o pandeiro, os guizos (ou cascabeis), os sinos (ou campás) e os cocos (ou maracas).

Estrutura[editar | editar a fonte]

Esta sinfonía foi composta coma un oratorio en 5 movementos. Estes movementos en orde de aparición son:

  • Allegro ou A terra e os sêres (9 minutos 45 segundos). É completamente instrumental e non conta con texto lírico.
  • Lento ou Grito de Guerra (8 minutos 51 segundos). Introdúcese primeiramente o coro feminino. Posteriormente entra o Baixo interpretando A voz da Terra e por último escoitase unha breve pasaxe en lingua tupí. Referíndose este, ó nome que os nativos empregaban para referirse á costa do Brasil: Pindorama ou rexión das Palmeiras.
  • Scherzo: Allegretto Scherzando (7 minutos 09 segundos). Aparecen máis textos en tupí. O canto realízano alternativamente o coro feminino e masculino, e finaliza nun coro mixto. Cántanse cancións populares de orixe india, probablemente recollidas polo propio Villa-Lobos nos seus múltiples contactos cos indíxenas de Río de Janeiro. Estas cancións son unha testemuña da conservación do lingua tupinamba que chega ata a actualidade.
  • Lento (27 minutos 12 segundos). Aparece por primeira vez a figura de José de Anchieta. Participan o barítono (interpretando ó indio Amerindio), o baixo (A voz da terra), os coros (interpretando ós Indios e a A voz de Anchieta) e o Tenor (A voz de Anchieta). Nesta cuarta parte cántanse fragmentos do poema de Anchieta misturándoos con nomes e referencias indíxenas, tales coma os Deuses Tupán (Deus do Lostrego e Trono), Añanga (Deus do mal) e Sumé (o Deus da bondade).
  • Poco Allegro (13 minutos 22 segundos). Continua mencionando fragmentos do poema. Na parte final os coros cantan un alleluia no que se menciona a festividade do 25 de xaneiro de 1554, día no que os xesuítas (entre eles Anchieta) chegaron á comarca de Piratininga e chamaron ó seu asentamento São Paulo. Orixe da cidade actual, que no seu IV centenario encargou a composición da obra.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Villa-Lobos, Sinfonía Nº10. Amerindia. Orquesta Sinfónica de Tenerife. Director de Orquesta: Víctor Pablo Pérez. CD e Libreto editado por Harmonía Mundi Ibérica s.a. (en castelán)