Saltar ao contido

Amargo de Angostura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Botella de Amargo de Angostura.

O amargo de Angostura, é un ingrediente moi apreciado na elaboración como bíter (amargo) en cócteles, e tamén como condimento de sopas e salsas. De sabor amargo con contido alcohólico do 44,7 % en volume, úsase en pequenas cantidades para dar un toque a distintas mesturas. Foi creado en Venezuela con propósitos medicinais polo médico alemán Johann Gottlieb Benjamin Siegert, dándolle o nome da cidade de orixe.[1]

A historia aproxímase ao ano de 1822 cando unha epidemia de cólera azoutaba a poboación chamada Santo Tomás de Nova Guayana da Angostura do Orinoco, e cuxo nome fora cambiado a Angostura (actual Cidade Bolívar, en Venezuela) por asentarse na parte máis estreita (angosta) do río Orinoco. Despois de dedicarse con entusiasmo á investigación das propiedades das plantas suramericanas, o mozo galeno prusiano Johann Gottlieb Benjamin Siegert, buscando un remedio para o mareo, creou un medicamento de sabor infrecuente pero eficaz dixestivo para os seus pacientes.

A apócema estaba composta a base de xenciana combinada con máis de 25 produtos botánicos da abundante reserva natural das terras tropicais, que incluía froitas, raíces, sementes aromáticas, cortizas e unha boa cantidade de ingredientes cuxo nome e proporción se manteñen, aínda hoxe en día, no máis estrito segredo. Ao contrario do que se cre popularmente, non contén cortiza de Angostura (Galipea cusparia ou Angostura trifoliata), cuxa importación está restrinxida en países como os Estados Unidos. Con todo, sabemos que entre os ingredientes figuran a quina (Cinchona officinalis) e a sarrapia (Diphysa punctata). En 1830 instala unha destilería e non tardou moito en facerse famosa en América e Europa, e a preparación do doutor Siegert gaña a medalla de ouro na Exposición Universal de Viena de 1873.

Despois do falecemento de Siegert en 1870, a familia mudouse en 1875 a Porto de España (Trinidad e Tobago) onde seguiu ―e segue― fabricando o Amargo de Angostura, preservando o seu nome da orixe venezolana da maioría dos seus insumos até a data, así como a peculiar etiqueta en catro idiomas e a sinatura do seu inventor.[1] A fórmula estivo escrita na parede do soto da casa do Dr. Siegert (que logo pertenceu a outra familia de apelido Contasti) en Angostura, até principios do século XX, e desapareceu ao ser pintada dita parede. O Amargo seguiuse fabricando durante algún tempo en Cidade Bolívar baixo a denominación de Amargo Siegert e tamén de maneira artesanal fabricouse na Poboación de Guasipati no Estado Bolívar por Pedro Unshelm Siegert e os seus fillos, donos da destilería de augardente Los Bucares. O Grupo Angostura ou Casa de Angostura, con sede en Morvant (Trinidad e Tobago) é o sucesor legal da empresa fundada por Siegert na década de 1850.[2]

O seu uso inicial foi para aliviar algunhas doenzas estomacais. En 1904, o Goberno de Venezuela outorgoulle a Carlos María González Bona a patente de industria para o exercicio dunha preparación denominada «amargo estomacal aromático e tónico con base de cortiza de Angostura». Pero as bondades adicionais que algúns descubriron posteriormente é que aromatizaba e fortalecía o sabor de determinadas bebidas e preparacións culinarias, o que fixo que co tempo desaparecese das boticas de primeiros auxilios dos fogares e hospitais para converterse en ingrediente común en bares e cociñas de todo o mundo. Ademais de usarse como bíter en cócteles, tamén é utilizado como sazonador de sopas e salsas.

Adóitase usar unhas pingas en cócteles como mojito, Cuba libre, Pisco sour, Manhattan[2], Champagne Cocktail, etc. e refrescos como Lemon Lime & Bitters, Rock Shandy ou The Chapman.

Presentación

[editar | editar a fonte]

A apócema comercialízase en pequenas botellas, sendo a marca máis famosa e popular "Amargo de Angostura".

  1. 1,0 1,1 Ropero, Javier García (2015-09-07). "El trago amargo caribeño de la fórmula secreta". Cinco Días (en castelán). Consultado o 2022-04-02. 
  2. 2,0 2,1 "Amargo de Angostura, la medicina que se convirtió en cóctel". La Vanguardia (en castelán). 2021-02-18. Consultado o 2022-04-02. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • ICONOGRAFÍA: FOTOGRAFÍA, Rolf, Walter, Los alemanes en Venezuela y sus descendientes. 1870-1914, Caracas, Fundación Cultural Humboldt, 1991, 2v. ISBN 10: 9802651710 ISBN 13: 9789802651719
  • INFORMACION GENERAL: González, J.M. Los Insectos en Venezuela. Fundación Bigott, Caracas, 2005.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]