Alnico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Un imán de alnico.
Surtido de imáns de alnico en 1956.

Co nome de alnico coñécense unha serie de aliaxes de ferro, aluminio), níquel e cobalto, ademais doutros elementos. O nome destas ligas está formado pola xustaposición (acrónimo) dos símbolos químicos dos elementos Al, Ni e Co.

As aliaxes alnico foron descubertas na década de 1920, e permitiron a produción industrial de imáns artificiais con indución magnética moi superior á dos naturais. Un imán de alnico é capaz de levantar máis de 1000 veces o seu propio peso.

Unha das ligas máis coñecidas é o alnico 5, que contén aproximadamente un 15% de Ni, un 25% de Co, un 9% de Al, un 3% de Cu e un 48% de Fe, desenvolvida durante a segunda guerra mundial, e que conduciu a unha nova xeración de motores de imán permanente e de altofalantes. Outra, o alnico 12, ten un 18% de Ni, un 35% de Co, un 6% de Al, un 8% de Ti e un 33% de Fe.

Estas aliaxes están dispoñíbeis en moitos formatos, como barras, "ferraduras" etc., normalmente fabricadas por fundición, someténdoas despois a un proceso de rectificación para atinxir precisión nas dimensións.

Os imáns de alnico teñen grande estabilidade térmica, ou sexa, manteñen as súas características nunha amplísima gama de temperaturas, desde aproximadamente os -250 °C até os 550 °C. Estes materiais son tamén moi resistentes á oxidación.

As súas principais aplicacións son a fabricación de altofalantes, motores eléctricos e xeradores de pequeno tamaño, válvulas etc. Tamén foron moi usados para instrumentos de medida, como velocímetros, tacógrafos, medidores de enerxía eléctrica etc.