Albino González

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Albino González
Nacemento1915
Lugar de nacementoMones
Falecemento1981
Lugar de falecementoCastelló de la Plana
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmilitar e emprendedor
FillosXesús González Gómez
editar datos en Wikidata ]

Albino González González, nado en Mones (Petín) en 1915 e finado en Castelló de la Plana en 1981, foi un combatente do bando republicano na Guerra Civil española que estivo cinco anos internado no campo de concentración de Mauthausen.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cando tivo lugar o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, Albino atopábase na cidade vasca de Donostia, e alí incorporouse ao exército da República, no cal ocupou os postos de capitán, comandante, tenente coronel e, posteriormente, no Exército Popular, exerceu de comisario político, destacando pola súa defensa decidida da República. Foi neste período no que coñeceu a quen acabaría sendo a súa esposa ao cabo de dez anos, María Gómez Torres.

Exilio en Francia[editar | editar a fonte]

Exiliado en Francia no 1939, Albino foi recluído no campo de concentración de Argelès-sur-Mer, xunto con outros moitos republicanos españois. Dende ese lugar, pasou á resistencia francesa, pero cando París foi tomada polos nazis en xullo do 1940, foi novamente internado, desta vez en Mauthausen, xunto con outros 7.000 españois, dos cales se calcula que o 2% eran galegos.[Cómpre referencia]

Internamento en Mauthausen[editar | editar a fonte]

Balbino estivo internado no campo de concentración de Mauthausen durante cinco anos, nos cales a súa experiencia organizativa se puxo ao servizo dos demais prisioneiros. Conta o seu fillo que: "Chegou a ser algo así coma o responsable do barracón". Ao ser liberado, aos trinta anos de idade, pesaba 36 quilos.

Correspondencia[editar | editar a fonte]

Ao comezo do seu internamento en Argelés, enviou algunhas cartas á súa moza, María Gómez Torres, a través da Cruz Vermella, que segundo o seu fillo María acabou queimando. Dende entón, ela non volveu saber nada del ata que o 6 de agosto do 1945 recibiu unha carta de Albino na que lle informaba:

Pienso que te extrañará mucho recibir esta misiva mía tan tardía, pero la primera por la posibilidad (...) Después de cuatro años te escribo estas líneas, para que sepas solamente que aún vivo, y que vivo pensando en ti (...) en la lucha tan larga y dura que se me ha impuesto para vivir, no he olvidado, por ello, el recuerdo de un ser que me ha sido siempre querido (...)

O fillo da parella, o crítico literario, escritor e tradutor Xesús González Gómez, compilou vinte e seis das cartas que o seu pai lle enviou á súa nai no volume Cartas a la novia[1].

Vida posterior[editar | editar a fonte]

Logo da súa liberación, volveu a Galicia, onde casou coa súa moza aos dous anos, residindo a parella na Rúa. O primeiro 14 de abril que pasou de volta en Galicia, a Garda Civil foi buscalo para recluílo no Cuartel, por mor de ser o aniversario da proclamación da Segunda República. Traballou estes anos coma empresario do chocolate, facéndose socio naquela época de Xosé Quiroga Suárez. No ano 1966 emigraron a Barcelona. Nos últimos anos da súa vida tentou que os Estados alemán e español o indemnizaran pola súa estadía no campo de concentración, petición que só respondeu Alemaña.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cartas a la novia (2008). Edicions Documenta Balear.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]