Akiba Rubinstein

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Akiba Rubinstein
Akiba-Rubinstein.png
Akiba Rubinstein
Nacemento 12 de decembro de 1882
Lugar Stawiski Polonia Polonia
Falecemento 15 de marzo de 1961
Lugar Antwerp Bélxica Bélxica
Nacionalidade Polonia
Ocupación Xogador de xadrez
editar datos en Wikidata ]

Akiba Kiwelowicz Rubinstein, máis coñecido como Akiba Rubinstein, nado o 12 de decembro de 1882 en Stawiski (Polonia) e finado o 15 de marzo de 1961 en Antwerp (Bélxica), foi un xogador de xadrez de principios do século XX. A pesar de que non chegou a ser campión do mundo, as súas partidas estúdanse aínda hoxe en día e teñen unha gran influencia no xadrez actual.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De pais xudeus, pronto decidiu dedicarse por completo ao xadrez; crese que foi en 1903, logo de alcanzar o quinto posto nun torneo en Kiev. O xogo de Rubinstein floreceu especialmente entre 1907 e 1912. Comezando cunha vitoria en Carlsbad en 1907 e un primeiro posto compartido en San Petersburgo o mesmo ano, en 1912 alcanzou un refacho récord de vitorias, alcanzando a vitoria en cinco grandes torneos consecutivos: Donostia, Piešťany, Wrocław (campionato xermano), Varsovia e Vilna.

Na época de Rubinstein non existía un ciclo polo título de campión do mundo nin nada semellante, senón que un xogador tiña que xuntar certa cantidade de diñeiro e patrocinadores para conseguir disputar un match pola coroa. Rubinstein nunca tivo a posibilidade de enfrontarse ao entón campión Emanuel Lasker, xa que nunca puido xuntar este diñeiro. Ademais as súas posibilidades diminuíron tras un pobre resultado en San Petersburgo en 1914, e finalmente polo estalido da Primeira Guerra Mundial e a aparición do novo talento, José Raúl Capablanca.

Tras a guerra, Rubinstein continuou sendo un gran xogador, aínda que os seus resultados non volveron ser os mesmos que no período 1907-1912. Aínda así, venceu un importante torneo en Viena en 1922, por diante do futuro campión mundial Alexander Alekhine, e foi o líder da selección polaca que venceu nas Olimpíadas de xadrez de Hamburgo en 1930. Nesta competición conseguiu a gran marca de 13 vitorias e 4 táboas. Un ano máis tarde, gañou a medalla de prata olímpica.

Tras 1932 retirouse do xogo activo, principalmente por problemas de esquizofrenia (parece ser que sufría de antropofobia). Aínda que viviu case 30 anos máis, non deixou tras de si ningún legado en forma de libro, como fixeron outros grandes xogadores de xadrez. Existen moitos esquemas, plans e aperturas que proveñen directamente das súas partidas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]