Bell AH-1 Cobra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Bell AH-1 Cobra
Ah-1cobra 1.jpg
Tipohelicóptero de ataque
FabricanteBell Helicopter
Primeiro voo7 de setembro de 1965
Introducido1967
Produción1967-presente
Unidades construídas1 116

O Bell AH-1 Cobra é un helicóptero de ataque dun único motor e dúas palas fabricado por Bell Helicopter. Foi desenvolvido usando o motor, a transmisión e o sistema do rotor do Bell UH-1 Iroquois. Membro da prolífica familia Huey, o AH-1 tamén é coñecido como o HueyCobra ou Snake.

O AH-1 foi a columna vertebral da frota de helicópteros de ataque do Exército dos Estados Unidos, aínda que foi substituído polo AH-64 Apache. Versións actualizadas continúan voando nos exércitos doutras nacións. As versións de dous motores do AH-1 aínda están en servizo no Corpo de Marines estadounidense (USMC) como principal helicóptero de ataque. Helicópteros AH-1 excedentes foron convertidos para loitar contra incendios forestais.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Moi relacionada co desenvolvemento do Bell AH-1 é a historia do Bell UH-1 Iroquois, icona da guerra de Vietnam e un dos modelos de helicóptero máis fabricado. O UH-1 fixo práctica a teoría da cabaleiría aérea, xa que as novas tácticas pedían que as forzas estadounidenses fosen altamente móbiles nunha gran área. A diferenza de antes, non poderían quedar e loitar longas batallas ou manter as súas posicións. En cambio, o plan era que as tropas transportadas por frotas de UH-1 "Hueys" chegarían a todo o país, para loitar contra o inimigo no momento e no lugar da súa propia elección.[1]

Pronto quedou claro que os helicópteros de tropas desarmadas eran vulnerables contra os disparos do Vietcong e das tropas norvietnamitas, particularmente cando baixaban para deixar ás súas tropas nunha zona de aterraxe. Sen apoio amigo de artillería ou forzas terrestres, a única forma de pacificar unha zona de aterraxe era dende o aire, preferiblemente cunha aeronave que puidese escoltar de preto aos helicópteros de transporte, e avanzar sobre a zona de aterraxe a medida que a batalla avanzase. En 1962 usouse un pequeno número de UH-1A armados con múltiples metralladoras e lanzadores de foguetes como escoltas.[2]

A expansión masiva da presenza militar estadounidense en Vietnam abriu unha nova era na guerra dende o aire. O eixo das tácticas do Exército estadounidense foron os helicópteros, e a protección deses helicópteros converteuse nun papel vital.[3]

Iroquois Warrior, Sioux Scout e AAFSS[editar | editar a fonte]

Bell estivera investigando helicópteros de combate dende finais dos anos 50 e creara unha maqueta do seu concepto D-255, chamado "Iroquois Warrior". En xuño de 1962 Bell amosou a maqueta a oficiais do Exército agardando conseguir financiamente para seguir desenvolvéndoo. O Iroquois Warrior foi planeado para ser un helicóptero de ataque baseado en compoñentes do UH-1B cunha nova e esvelta célula e unha cabina de mando en tándem de dous asentos. Contaba cun lanzador de granadas nunha torreta esférica no nariz, un canón de 20 mm na barriga e ás para foguetes ou mísiles anti-carro SS.10.[4]

O Exército estaba interesado e premiou a Bell cun contrato para profundizar no concepto en decembro de 1962. Bell modificou un Model 47 no Model 207 Sioux Scout que voou por primeira vez en xullo de 1963. O Sioux Scout tiña todas as características clave para un helicóptero de ataque moderno: unha cabina de mando en tándem, ás para armas e unha torreta montada na fronte. Tras avaliar o Sioux Scout a principios de 1964 o Exército quedou impresionado, pero tamén sentiu que o Sioux Scout tiña pouco tamaño, pouca potencia e, polo xeral, non era axeitado para o seu uso práctico.[5]

A solución da Armada ás deficiencias do Sioux Scout foi lanzar a competición Sistema Avanzado de Soporte de Fogo Aéreo (AAFSS).[5] O requisito do AAFSS deu nacemento ao Lockheed AH-56 Cheyenne, un helicóptero de ataque pesado capaz de alcanzar altas velocidades. P proxecto demostrou ser demasiado sofisticado e foi cancelado en 1972, despoois de 10 anos de desenvolvemento. O Exército buscou unha maior supervivencia nun helicóptero de ataque convencional.[5]

Model 209[editar | editar a fonte]

Ao mesmo tempo, a pesar da preferencia do Exército polo AAFSS, no cal Bell Helicopter non foi seleccionada para competir, Bell quedou coa súa propia idea dun helicóptero de ataque máis pequeno e lixeiro.[5] En xaneiro de 1965 Bell investíu 1 millón de dólares en continuar cun novo deseño. Acoplando a transmisión probada, o sistema rotor "540" do UH-1C equipado cun Sistema de Aumento do Control de Estabilidade (SCAS), é o motor turboeixo T53 do UH-1 coa filosofía de deseño do Sioux Scout, Bell fabricou o Model 209.[5] O Model 209 de Bell semallábase moito á maqueta do "Iroquois Warrior".[6]

En Vietnam os eventos tamén avanzaban a favor do Model 209. Os ataques ás forzas estadounidenses estaban aumentando e cara finais de xuño de 1965 xa había 50 000 tropas terrestres en Vietnam. 1965 tamén era a data límite para a selección do AAFSS, pero o programa atascaríase en dificultades técnicas e discusións políticas. O Exército necesitaba un helicóptero de ataque provisional para Vietnam e pedíulle a cinco compañías que lleproporcionasen unha rápida solución. Recibíronse propostas en versións armadas dos Boeing-Vertol ACH-47A, Kaman HH-2C Tomahawk, Piasecki 16H Pathfinder, Sikorsky S-61 e Bell 209.[5]

O 3 de setembro de 1965 Bell presentou o prototipo do seu Model 209, e catro días despois realizou o seu primeiro voo, só oito meses despois do visto bo. En abril de 1966 o modelo gañou unha avaliación contra os seus rivais. O Exército asinou entón o primeiro contrato de produción para 110 aeronaves.[5] Bell engadíu "Cobra" ao alcume Huey do UH-1 para producir o nome HueyCobra para o 209. O Exército aplicou o nome Cobra á súa designación AH-1G.[7]

O demostrador Bell 209 usouse nos seguintes seis anos para probar armas e axustar o equipamento. Foi modificado para que coincidise co stándar de produción do AH-1 a principios dos 70. O demostrador foi retirado ao Patton Museum en Fort Knox, Kentucky e convertido a aproximadamente o seu aspecto orixinal.[6]

Produción[editar | editar a fonte]

O deseño Bell 209 foi modificado para a súa fabricación. Os patíns retráctiles foron substituídos por uns fixos máis sinxelos. Tamén contaba cunha nova pala ancha no rotor. Para a produción, un parabrisas de plexiglás substituíu ao parabrisas de vidro blindado do 209 que era demasiado pesado e afectaba ao rendemento.[6] Outros cambios incorporáronse despois da entrada en servizo. O principal destes foi mover o rotor de cola do lado esquerdo ao dereito para mellorar a súa efectividade.[8]

O Corpo de Marines estaba interesado no Cobra e pediu unha versión mellorada de dous motores en 1968 coa designación AH-1J. Isto conduciría a máis variantes de dous motores.[9] En 1972 o Exército buscou unha mellor capacidade antiblindaxe. Baixo o Programa de Armamento Cobra Mellorado (ICAP), realizáronse probas con oito AH-1 equipados con mísiles TOW en outubro de 1973. Despois de pasar as probas de cualificación no ano seguinte, Bell foi contratada para actualizar 101 AH-1G á configuración AH-1Q con capacidade para od TOW.[10] Despois das probas operacionais do AH-1Q a partir de 1976 ungadíuse o motor máis potente T53 e unha nova transmisión, dando lugar á versión AH-1S. O AH-1S foi actualizado en tres pasos, culminando no AH-1F.[5][11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Wheeler 1987, pp. 62-64
  2. Wheeler 1987, pp. 57-62, 64-65
  3. Wheeler 1987, pp. 60-61
  4. Verier 1990, pp. 12-17
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 Donald e March 2004
  6. 6,0 6,1 6,2 Bishop 2006
  7. Verier 1990, pp. 30-31
  8. Verier 1990, p. 44
  9. Verier 1990, pp. 86-88
  10. "Chapter XI: Research, Development, and Acquisition - DAHSUM FY 1974". history.army.mil. Consultado o 2018-11-23. 
  11. Verier 1990, pp. 57, 59-61

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bishop, Chris. Huey Cobra Gunships. Oxford, UK: Osprey Publishing Limited, 2006. ISBN 1-84176-984-3.
  • Donald, David e March, Daniel (eds). Modern Battlefield Warplanes. AIRtime Publishing Inc, 2004. ISBN 1-880588-76-5.
  • Verier, Mike. Bell AH-1 Cobra. Osprey Publishing, 1990. ISBN 0-85045-934-6.
  • Wheeler, Howard A. Attack Helicopters, A History of Rotary-Wing Combat Aircraft. The Nautical and Aviation Publishing Company, 1987. ISBN 0-933852-52-5.