Adiviña veronesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A adiviña veronesa (indovinello veronese en italiano) é un texto breve escrito nas marxes dun pergamiño, datado cara a finais do século VIII ou principios do século IX e que constitúe, xunto cos Xuramentos de Estrasburgo e os Cartularios de Valpuesta, o primeiro texto coñecido nunha lingua romance. Reza do seguinte modo:

Adiviña veronesa.
Se pareba boves,
alba pratàlia aràba
et albo versòrio teneba,
et negro sèmen seminaba

Significado[editar | editar a fonte]

Trátase dun testemuño autorreferencial: a descrición do acto de escribir feita polo propio amanuense. É unha adiviña frecuente na literatura tardolatina.

"Diante de si guiaba os bois, araba un lameiro branco, tiña un arado branco e sementaba unha semente negra".

O significado é a escritura. Os bois representan os dedos, partes de traballo do corpo; o lameiro branco era unha folla ou pergamiño; o arado branco, a pluma, que nese tempo adoitaban ser de ganso (brancas); e a semente negra, a escritura.

Orixes[editar | editar a fonte]

Atopado na Biblioteca Capitual de Verona en 1924, o códice procede de España, case con total seguridade de Toledo, desde onde puido ser trasladado a Cagliari e Pisa, antes de chegar definitivamente a Verona. Diversos trazos do dialecto veronés detectados no texto (como versorio co sentido de arado, así como os imperfectos de indicativo en -eba) permiten deducir que o autor foi un amanuense veronés, probablemente da mesma Biblioteca Capitular.