A arte da pintura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jan Vermeer van Delft 011.jpg
”A arte da pintura”
(De Schilderkunst)
Johannes Vermeer, 1666
óleo sobre lenzo
  • Barroco
120 cm × 100 cm
Museo de Historia da arte
(Viena) Flag of Austria.svg (Austria)

A arte da pintura é unha famosa obra do pintor holandés Johannes Vermeer pintada por volta de 1666. Está realizada ó óleo sobre lenzo e mide 120 cm de alto e 100 cm de ancho, polo que é a obra máis grande dentro da produción coñecida deste artista. Consérvase no Museo de Historia da arte de Viena (Austria), onde estivo exposta desde que foi recibida polo goberno austríaco en 1946. En neerlandés é coñecida como De Schilderkunst ou Allegorie op de schilderkunst. Este cadro tamén é coñecido co título O estudo do artista e Alegoría da pintura.[1]

Moitos expertos de arte cren que esta obra é unha alegoría da pintura, de aí o título alternativo deste cadro. É o máis grande e complexo dos cadros de Vermeer.

A pintura é famosa por ser unha das favoritas de Vermeer e un bo exemplo do estilo óptico de pintura. Creado nunha época sen fotografía, ofrece unha representación visual realista da escena e é un bo exemplo do estilo da cámara escura. Outros puntos fortes da obra son o uso de cores brillantes e o impacto da luz filtrándose polas xanelas sobre varios elementos da pintura.

Historia[editar | editar a fonte]

O cadro considérase unha peza esencial no catálogo de Vermeer porque o propio pintor non se separou del nin o vendeu, nin sequera cando tivo débedas. Mesmo despois da súa morte en 1676, a súa viúva Catharina legouno á súa nai, Maria Thins, nun intento por evitar a súa venda forzosa para satisfacer os acredores. O executor da herdanza de Vermeer, o afamado microscopista de Delft, Anton van Leeuwenhoek, determinou que a transmisión da obra á sogra do pintor fora ilegal.

A pintura permaneceu sen descubrir durante un século até a súa compra por 50 floríns en 1813 polo conde austríaco, Johann Rudolf Czernin. Até 1860, a pintura pasou como obra dun arquirrival contemporáneo de Vermeer, Pieter de Hooch. A firma de Pieter mesmo se falsificou sobre a pintura. Só pola intervención do erudito francés experto en Vermeer, Thoré Bürger recoñeceuse como un orixinal de Vermeer e de aí comezou a súa fama. O cadro foi exhibido publicamente en Viena pola familia Czernin até a invasión de Austria polos nazis en 1939.

Despois da invasión nazi de Austria, altos oficiais nazis, incluído o Reichsmarschall Hermann Goering tentaron adquirir o cadro. O conde Jaromir Czernin tiña previsto vendelo a outra persoa, pero presionado por Adolf Hitler accedeu a ofrecerllo por 2 millóns de reichsmarks con destino ó gran museo que Hitler pensaba erixir en Linz. Segundo alegan agora os descendentes do conde, finalmente o prezo pagado foi inferior xa que os alemáns ameazaron o propietario con envialo a un campo de concentración. Algunhas fontes sitúan o prezo en 1,65 millóns, que foi pagado a través do axente Hans Posse o 20 de novembro de 1940.[2]

O cadro foi rescatado dunha mina de sal a finais da Segunda Guerra Mundial en 1945, onde estaba protexido dos bombardeos aliados, canda outras obras de arte. Os estadounidenses devolveron a pintura ó goberno austríaco en 1946, posto que se estimaba que a familia Czernin vendeuno voluntariamente, sen forza indebida por parte de Hitler. Pero en setembro de 2009, os Czernin alegaron que a venda foi forzosa, e reclamaron unha resolución xusta do asunto ás autoridades austríacas que quedaron en estudar o caso.

Descrición[editar | editar a fonte]

A pintura representa unha escena íntima dun pintor pintando a unha modelo feminina no seu estudo, xunto a unha xanela, co fondo dun gran mapa dos Países Baixos.

Elementos[editar | editar a fonte]

A pintura ten só dúas personaxes, o pintor e a súa modelo. Crese que o pintor sería un autorretrato do artista, aínda que non resulta visible a súa cara. Viste con luxo, o mesmo que fixo Rembrandt en O pintor no seu estudo. A vestimenta luxosa subliña a idea de que o pintor non é un mero artesán senón executor dun traballo distinguido, como dixo Leonardo no seu tratado:

«...o pintor está sentado diante da súa obra e dirixe lixeiro o pincel con cores belas. Está vestido como máis lle gusta».[3]

Unha serie de obxectos que se mostran no estudo do artista crese que están fóra de lugar. O chan de mármore axadrezado e o candelabro de ouro son dous exemplos de obxectos que normalmente estarían reservados entón para casas das clases podentes. O mapa do fondo é das Dezasete Provincias Unidas dos Países Baixos, flanqueadas por vistas dos principais centros de poder. Foi publicado por Cleas Jansz Visscher en 1636.

Simbolismo e alegoría[editar | editar a fonte]

Os expertos atribúen simbolismo a varios aspectos deste cadro.

O tema é a Musa da Historia, Clío. Isto evidénciase en que loce unha coroa de loureiro, sostén un corno (que representa a Fama, como encarnación da celebridade[3]), e leva un libro (representando o coñecemento) segundo o libro do século XVI de Cesare Ripa sobre emblemas e personificacións titulado Iconoloxia.

A aguia de dúas cabezas, símbolo da dinastía austriaca dos Habsburgo e anteriores dirixentes de Holanda, que adorna o candelabro dourado central, pode representar a fe Católica. Vermeer era único ó ser un católico nunha Holanda predominantemente protestante. A ausencia de velas no candelabro suponse que representaría a supresión da fe católica.

A máscara que está sobre a mesa xunto ó artista crese que sería unha máscara mortuoria, representando a inefectividade da monarquía Habsburgo.

Como corresponde a unha alegoría, a luz natural convértese en luz glorificadora, a través do recurso á luz intensa que provén dunha xanela invisible, á esquerda, e que cae directamente, sobre a modelo representando á Musa.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. L. Cirlot (dir.), Kunsthistorisches, Col. «Museos do Mundo», Tomo 11, Espasa, 2007. ISBN 978-84-674-3814-7, páxs. 94-95
  2. Vermeer: The Art of Painting, The Painting's Afterlife - NGA
  3. 3,0 3,1 3,2 Hermann Bauer, «O Barroco nos Países Baixos» en Os mestres da pintura occidental, Taschen, 2005, páx. 334, ISBN 3-8228-4744-5