A Nosa Señora da Xunqueira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cruz da parroquia
Fachada principal da igrexa da parroquia

A Nosa Señora da Xunqueira, popularmente coñecida como A Xunqueira, é unha das parroquias máis novas do municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa. Esta parroquia é coñecida por ser a organizadora da Pascua Xoven de Arousa dende os inicios en 1972.

Historia[editar | editar a fonte]

A Xunqueira fundouse xuridicamente como parroquia no ano 1979 sendo arcebispo de Santiago de Compostela Mons. Angel Suquía Goicoechea, pero xa entre 1970 e 1971 a comunidade pre-parroquial íase conformando.

A parroquia nace nun contexto histórico xeográfico. O espazo que ocupa a parroquia é conveniente enmarcalo no crecemento da cidade de Vilagarcía de Arousa e na división só da parroquia do Divino Salvador de Sobradelo que chegaba ata o río do Con, límite con Santa Baia de Arealonga.

O barrio da Lomba non participaba na súa propia parroquia pola distancia. Este barrio configurouse cunha área educativa de varios colexios, zona deportiva e bloques de vivendas de empregados do Concello e profesores dos colexios de ensino primario; ao redor de 3000 persoas.

O templo[editar | editar a fonte]

O criterio do proxecto de edificio foi darlle carácter relixioso a unha composición de locais para formar unha unidade de conxunto; reflexo dunha casa familiar en cuxo centro se ofrece un espazo amplo para a celebración. O máis rechamante do interior é a pintura e representación que fai o artista Urbano Lugrís Vadillo no presbiterio, onde se desenvolve un simbolismo da redención coa cruz no centro, de madeiras dunha batea, recollidas na beira do mar. Outro aspecto de eficacia funcional é a iluminación que ten tamén a súa simboloxía. O baptisterio atópase arredor dunha columna, que é á vez unha fonte decorada tamén por Lugrís Vadillo, á que se entra por unha porta que dá acceso tamén á capela do Santísimo, da misa diaria e da reconciliación (porta para os discapacitados). O sagrario está situado nun tronco de carballo, e a imaxe da Virxe María está colocada sobre un tronco. Esta imaxe é obra de Castor Lata e ten na súa man esquerda un ramo de xuncos e á beira o neno Xesús, que porta un instrumento musical, unha pequena arpa; todo isto alude a unha comunidade que crece unida como os xuncos e que celebra a fe con aire festivo.

Situación[editar | editar a fonte]

Está ao sur da cidade de Vilagarcía de Arousa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Libro editado polo 25 aniversario da parroquia A Nosa Señora da Xunqueira 1979-2004 "Vodas de Prata".

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]