A Barciela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Barciela
Igrexa de Santo André da Barciela.
Diocese: Santiago de Compostela
Arciprestado: Bama
Área: 5,55 km²
Poboación: 4.035 hab. (2014)
Densidade: 727 hab./km²
Entidades de poboación: 11

Santo André da Barciela é unha parroquia eclesiástica pertencente ao arciprestado de Bama da arquidiocese de Santiago de Compostela cuxo territorio se estende polos concellos de Oroso e Santiago de Compostela. O río Tambre serve de límite natural para a división administrativa, mais o crecemento urbanístico da vila na zona orosá detense na marxe compostelán da parroquia.

Historia[editar | editar a fonte]

A igrexa actual e maila casa reitoral datan de 1917. O templo foi consagrado o 30 de xullo dese ano, nunha celebración presidida polo Bispo Auxiliar da diocese Ramiro Fernández Balbuena, sendo párroco Severino Ramos. Non se conserva a documentación anterior a 1871 por mor dun incendio que devorou a reitoral sita daquela no lugar da Barciela. Desde entón os curas que serviron nesta parroquia foron Juan Otero Martínez, Ramiro Fernández Rodríguez, Severino Ramos Sánchez, Ramón García Noche, Jesús Balo Rodríguez, Juan Calvo Tojo e Manuel Ángel Blanco Vázquez.

Existiron tres confrarías entre finais do século XIX e comezos do XX. Así na documentación antiga consta a Confraría do Santo Rosario (entre 1871 e 1929, aproximadamente), a finalidade da cal era fomenta-lo rezo desa oración entre os fieis. Tamén había unha confraría adicada a honrar a San Brais. Nos libros vellos aparece unha listaxe de membros activos e vocais, con referencia explícita ós cargos directivos de presidente, secretario, mordomo, depositario e recadador. Outras confrarías da parroquia foron as da Doutrina cristiá e maila do Sagrado Corazón. A finais da década de 1940 aínda existía a asociación Fillas de María.

Unha das devocións máis populares na parroquia, a Santa Eufemia, virxe e mártir, aparece documentada nun libro antigo que detalla funcionistas e celebracións entre 1917 e 1934. A función de Santa Eufemia, segundo ese libro, foi inaugurada o 16 de setembro de 1917. A Reliquia, xunto coa de San Ramón Neonato, foi regalo do padre Lorenzo, superior dos Trinitarios de España; o relicario foi regalo de Manuel Batanero Flórez; a imaxe e mailo andar foron construídas nos obradoiros de Rivar de Santiago, costeados os gastos por Josefa Varela Sánchez, natural desta parroquia e veciña da cidade de Santiago e o seu home Prudencio Fernández Léis.

Existe unha nova confraría constituída no ano 2008 na advocación da Virxe das Dores e o Cristo Nazareno que realiza as actividades da Semana Santa.

División da parroquia[editar | editar a fonte]

En 1995 comezaron as reivindicacións dos veciños para integrar toda a parroquia da Barciela no concello de Oroso, o que non conseguen integramente, xa que en febreiro de 2005 o consello da Xunta de Galicia acordou a integración dos lugares de Sigüeiro e A Foca en Oroso, mentres o resto da parroquia permanece no concello de Santiago de Compostela[1]. Logrouse así xuridicamente a constitución dun único núcleo urbano formado polos dous Sigüeiros, o de Oroso e o que antes pertencía a Santiago[Cómpre clarificar].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Decreto 25/2005, do 3 de febreiro, polo que se resolve o expediente de segregación-agregación entre os termos municipais de Santiago de Compostela-Oroso http://www.xunta.es/Dog/Dog2005.nsf/FichaContenido/5F16?OpenDocument

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]