¿Quién puede matar a un niño?

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
¿Quién puede matar a un niño?
Ficha técnica
GuiónNarciso Ibáñez Serrador (co pseudónimo de Luis Peñafiel), en base á novela El juego de los niños de Juan José Plans
MúsicaWaldo de los Ríos
FotografíaJosé Luis Alcaine
Duración112 minutos (versión do director)
OrixeEspaña
Na rede
IMDB: tt0075462 Filmaffinity: 294646 Allocine: 133326 Rottentomatoes: m/who_can_kill_a_child_1976 Allmovie: v96806 TCM: 79459 Editar o valor em Wikidata

¿Quién puede matar a un niño? é unha película española de 1976, dirixida por Narciso Ibáñez Serrador, baseada na novela El juego de los niños de Juan José Plans e con música de Waldo de los Ríos, sendo esta a segunda e, até agora, última cinta dirixida por Ibáñez Serrador. A longametraxe constitúe unha das películas máis celebradas do xénero de terror no cine español. A película gañou o premio da crítica no Festival de Cine Fantástico de Avoriaz de 1977.

Argumento[editar | editar a fonte]

A película empeza con imaxes de nenos e nenas morrendo en distintas guerras e fames negras, sobre as que se intercalan os títulos de crédito. As escenas correspóndense cun documental televisivo que están a ver Tom e Evelyn, unha parella de turistas estranxeiros de fala inglesa que chegan á localidade española de Benavís (vila ficticia na costa mediterránea, na provincia de Tarragona), co fin de navegar, ao día seguinte, até a igualmente ficticia illa de Almanzora para pasar uns días de vacacións.

Evelyn atópase embarazada de sete meses do seu terceiro fillo e veñen dispostos a relaxarse ao máximo na illa, na que Tom pasou unha tempada anos atrás. Con todo, nada máis chegar a Almanzora, empezan a notar que todo está moi raro no lugar: todo parece abandonado, soamente ven nenos e non hai nin rastro dos adultos. Por outra banda, os turistas non tiveron ocasión de ler as noticias que chegaran á costa, acerca de varios cadáveres que ían chegando ao continente arrastrados pola auga.

A parella descansa da súa viaxe á illa nun bar, onde atopan todo como se a xente marchara a fume de carozo, deixando incluso os polos dentro do forno, xa carbonizados. Mentres Tom vai en busca de comida, unha nena entra e acariña o ventre a Evelyn, sorríndolle sen dicir unha palabra, e marchándose despois. Mentres tanto, Tom estivo investigando polas casas ao crer ouvir ruídos nunha delas. Ao non atopar a ninguén, diríxese á tenda, tamén baleira, aprovisionándose de comida. Alí, Evelyn e Tom reciben unha chamada telefónica dunha rapariga que fala nun idioma estranxeiro e cun ton de voz angustiado, cortándose a comunicación pouco despois. Tras comer, os esposos van en busca do hotel, onde tampouco hai ningunha persoa maior de idade, aínda que descobren que hai turistas suecos rexistrados (un matrimonio e a súa filla), e pensan na rapariga estranxeira da chamada. Evelyn, asomada á porta do hotel, ve por fin a un vello que parece que xoga ao agocho cun nena pero, aterrada, verá como a nena lle quitará o bastón e golpearalle con el na cabeza até matalo. Máis tarde, ao subir ás habitacións en busca da familia sueca, atopa os cadáveres do matrimonio, pero nin rastro da moza. No hotel, finalmente atopan un habitante adulto do pobo: un pescador, Antonio Iranzo, que se atopa en estado de shock e cóntalles que, uns días antes, todos os nenos contraeron unha especie de tolemia colectiva e dedicáronse a asasinar a todos os adultos do pobo, mentres estes foron incapaces de facer nada, xa que como ben di o pescador: "quen pode matar un neno?".

Tom e Evelyn escapan ao outro lado da illa, mais non logran saír dela. Regresan á vila e refúxianse nunha habitación. Cando un neno está a piques de dispararlle a Evelyn pola ventá, Tom mátao e os nenos foxen. Pola noite, Evelyn morre porque sente que o feto -que unha nena acariciara a través da barriga- a está a matar.

Tom escapa cara ao peirao. Mentres monta na barca para regresar ao continente comeza unha pelexa cos nenos. Chega a policía, que ve a Tom agredilos, e mátao.

Elenco[editar | editar a fonte]

  • Lewis Fiander - Tom
  • Prunella Ransome - Evelyn
  • Maria Druille - Nena que chora
  • Antonio Iranzo - Pai da nena que chora
  • Luís Ciges - Enrique Amorós, o carteiro
  • Fabián Conde - Empregado da tenda de fotos
  • Miguel Narros - Primeiro gardacostas
  • Lourdes de la Cámara - Nena
  • Roberto Nauta - Neno
  • Javier de la Cámara - Neno
  • María Luisa Arias
  • Marisa Porcel
  • Juan Cazalilla
  • Antonio Canal
  • Aparicio Rivero
  • Andrés Gómez

Diferenzas coa novela de Juan José Plans[editar | editar a fonte]

Se ben a película é bastante fiel á na novela El juego de los niños (1976) do xixonés Juan José Plans, hai algúns cambios entre o libro e o filme:

O máis obvio é o nome dos protagonistas (que no libro se chaman Malco e Nona) e o nome da illa (Ta na novela), quedando oculto o nome da localidade na costa. Por outra banda, engádense algúns personaxes que non están na película, así como as situacións que estes protagonizan (unha parella de gardas, un premio nobel de medicina, unha parella de anciáns nunha granxa da illa e un home bébedo que descobre o primeiro cadáver, mentres que na película o atopa un neno que está a se bañar na praia).

No libro dáse, aínda que cunha interpretación aberta, unha posible explicación ao ocorrido como unha vinganza da Natureza contra todo o mal que o home lle causa. Pola súa banda, na película, esta comeza cunha serie de imaxes reais sobre traxedias caídas sobre os nenos pola guerra e a fame.

O que na película era unha especie de trastorno contaxioso pola mirada duns nenos a outros, no libro explícase pola choiva dun pole amarelo que é o que trastorna aos nenos da illa. É necesario que haxa contacto entre os nenos e o pole para que se convertan en novos sicarios, cando na película é unha especie de hipnose entre nenos o que os transforma. De feito, no libro menciónase varias veces que hai algo dentro dos nenos, que eles só son autómatas dun plan superior, pero ninguén explica con claridade que é o que teñen os nenos dentro e a interpretación, novamente, queda moi aberta.

Outra diferenza importante a marca a diferenza da profesión do personaxe cinematográfico de Tom (biólogo) e a da súa alter ego literario Malco (escritor de contos infantís), xa que na novela se usa en numerosas ocasións un dos personaxes do escritor que, mediante frases moi infantís, describe as situacións máis misteriosas ou truculentas coas que se vai atopando o matrimonio, de forma que o escritor proxecta os seus propios pensamentos en pasaxes dos seus contos.

Produción[editar | editar a fonte]

Orixinalmente Ibáñez Serrador quería a Anthony Hopkins para o papel de Tom, se ben o actor tivo que rexeitar a oferta por compromisos adquiridos con anterioridade. Posteriormente, o director declarou sentirse inconforme coa interpretación de Fiander, aínda que si quedou moi satisfeito co traballo de Prunella Randsome, a actriz que interpreta a Evelyn.

Segundo a idea orixinal de Ibáñez Serrador os diálogos entre a parella protagonista debían ser rodados en inglés xa que Evelyn —ao non entender as explicacións de ninguén en castelán- non se decataba do que estaba a pasar, pois o seu marido (o seu único enlace co exterior e quen si sabía falar castelán), ademais de que sospeitaba que algo estraño está a ocorrer na illa, negábase a llo explicarllo, para con iso acentuar a atmosfera de incomunicación e a cada vez crecente angustia da futura nai ao estar nunha illa descoñecida sen saber o que ocorre, sen entender nada e sen que o seu marido quixese contarlle nada. Con todo cando a película estaba en proceso de posprodución para a súa estrea, os produtores decidiron que se dobrasen as voces de Prunella Randsome e Lewis Fiander ao castelán, pois consideraban incómodo para ter que ler subtítulos. O director sempre manifestou a súa desconformidade con esta decisión.

Narciso Ibáñez Serrador ten un cameo no filme, como o home a carón do autobús ao que Tom pregunta sobre o ruído na vila.

A banda sonora, composta por Waldo de los Ríos, integra varias tendencias musicais cinemáticas da época, como a que Krzysztof Komeda compuxera para a película Rosemary's Baby (Roman Polanski, 1968), ou a de John Williams para Jaws.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]