Saltar ao contido

Zur Kritik der politischen Ökonomie

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Zur Kritik der politischen Ökonomie
Título orixinalZur Kritik der Politischen Oekonomie
Autor/aKarl Marx
Lingualingua alemá
Tema(s)economía política
Data de pub.1859
Na rede
BNE: XX5044282
editar datos en Wikidata ]

A Zur Kritik der politischen Ökonomie (Contribución á crítica da economía política), de Karl Marx, constitúe o antecedente inmediato directo da súa obra máis famosa, O Capital. Unha parte desta última obra atópase xa escrita na Contribución. É por iso que calquera análise avaliadora d' O Capital é aplicable á Contribución, tanto no que ó seu contido e metodoloxía se refire, como ás conclusións que poidan desprenderse da súa lectura.

Estrutura da obra

[editar | editar a fonte]

A obra propiamente dita consta dun prólogo e dous capítulos: no primeiro, baixo o título da mercadoría, Marx estuda de forma densa os valores de uso e de cambio, e un segundo dedicado á análise do diñeiro ou a circulación sinxela. Todo o seu vasto e ambicioso plan, que expón na súa carta a Engels do 2 de abril de 1858, habería de quedar reducido a dimensións moito máis modestas. E así, noutra carta, cara ó 13 de xaneiro de 1859, comunícalle ó mesmo Engels que «a pesar do seu título: O Capital en xeral, esteos fascículos aínda non teñen nada sobre o capital, senón só os dous primeiros capítulos: 1. A mercadoría, 2. O diñeiro, ou a circulación sinxela... Se a cousa gusta -continúa Marx-, poderá seguir rapidamente o terceiro capítulo sobre o capital». Aínda que en realidade transcorrerían oito anos antes de que se imprimira o libro primeiro do Capital.

Para chegar a unha comprensión máis exacta e comprensiva do mundo capitalista e burgués, Marx considera necesario o estudo da economía. Un coñecemento máis profundo deste campo do saber permitirá, segundo el, chegar á anatomía da sociedade. Tras vicisitudes persoais de todo tipo e no medio de privacións angustiosas, Marx establece un plan de traballo que lentamente e a duras penas vai sacando adiante. Para examinar o sistema da economía burguesa fixa a seguinte orde: Capital, Propiedade, Traballo asalariado; Estado, Comercio exterior, Mercado Mundial. Baixo os tres primeiros títulos, afirma, estudará as condicións económicas de existencia das tres grandes clases na que se divide a sociedade burguesa moderna. Á súa vez, a sección adicada ó capital comprende os seguintes capítulos: 1º. A mercadoría. 2º. A moeda ou a circulación sinxela. 3º. O capital en xeral. Soamente os dous primeiros capítulos forman o contido da Contribución. A obra sería completada no Capital.

O interese que para un economista poidan ter hoxe estes dous capítulos ―a mercadoría e o diñeiro ou a circulación sinxela― é moi limitado, por non dicir irrelevante. En primeiro lugar, porque no Capital pode atoparse un tratamento máis amplo e ligado a outros aspectos máis relevantes. En segundo lugar, porque a análise, verdadeiramente densa e reiterativa, da mercadoría e do diñeiro non reviste hoxe interese para o cultivador da ciencia económica. Especialmente a teoría e política monetaria no seu estado actual non precisan para nada do tratamento marxista do diñeiro. Existen algúns problemas, afirma un autor ―nada sospeitoso neste sentido― como O. Lange, ante os cales a economía de Marx se mostra impotente... que pode dicirnos sobre os problemas esenciais da teoría monetaria e do crédito? E máis adiante engade, «a ciencia económica de Marx constitúe unha base moi pouco sólida para dirixir un banco nacional ou para prever as consecuencias dun cambio do tipo de desconto».

En calquera caso, a teoría do valor‑traballo, en canto cimento da plusvalía, e a do beneficio constitúen dous pivotes fundamentais da análise marxista. No primeiro capítulo -sobre a mercadoría-, Marx detense coa extensión no dobre aspecto baixo o que se manifesta a mercadoría: o valor de uso e o valor de cambio, que estudaran xa outros economistas, especialmente Adam Smith e David Ricardo. O tratamento analítico deste último especialmente supera con moito ó de Marx e non se atopa motivado por unha carga ideolóxica previa tan forte como en Marx.

Un punto inicial na elaboración da ciencia económica fora chegar á determinación do valor das mercadorías. Marx considera que os valores de uso constitúen sempre o seu contido, calquera que sexa a forma social da riqueza. «Ó probar o trigo non se coñece quen o cultivou: servo ruso, modesto aldeán francés ou capitalista inglés». Esta indiferenza fai que o valor de uso como tal se atope para Marx fóra da esfera de investigación da economía política.

Polo contrario, si é interesante para Marx o valor de cambio que aparece primeiramente como unha relación cuantitativa na que os valores de uso son intercambiables. O intercambio efectúase en función do tempo de traballo, que Marx chama consumado ou obxectivado: «todos os valores de cambio son equivalentes nas proporcións en que conteñen o mesmo tempo de traballo consumado».

Para comprender mellor o feito de que o valor de cambio está determinado polo tempo de traballo, Marx establece os seguintes puntos: 1) a redución do traballo ó traballo sinxelo, sen calidade, por así dicilo; 2) o modo específico polo que o traballo creador do valor de cambio, e por conseguinte produtor de mercadorías, é traballo social, e 3) a diferenza entre o traballo en canto que produce valores de uso e o traballo en canto que produce valores de cambio.

Esta división leva a Marx a efectuar cavilacións de todo tipo e esquiva así, aínda que non de todo, o mecanismo que a economía estableceu para medir o valor das mercadorías: o custo. O interese de Marx en ligar o traballo ó valor das mercadorías é lóxico se se ten en conta a concepción materialista que orienta o seu estudo, pero non posúe máis relevancia ―«non posúe ningunha virtude -afirma O. Lange-, que a que faga superior á moderna teoría do equilibrio económico»― para a análise económico que a puramente erudita de ter deixado ós autores marxistas a solución do chamado problema da transformación de valores e custosos. Chegaron estes -nun esforzo por rehabilitar unha teoría que fora sometida a duros golpes por parte dun Böhm‑Bawerk, dun Pareto o un Marshall, por exemplo, e recentemente por Samuelson e Weizsacker e tendo sido mesmamente abandonada por algúns marxistas-, a niveis elevados de sofisticación matemática e ó despregue de controversias moi matizadas co fin de lograr unha construción lóxico‑matemática, pero practicamente inútiles dende o punto de vista da explicación da realidade económica, tanto capitalista como socialista.

Só ó final do capítulo, Marx alude ó problema da plusvalía, iso ligado directamente á teoría do valor-traballo e que había de desenvolver no Capital. Este punto, que si é relevante no modelo marxista ―talvez sexa a plusvalía a arma máis incisiva coa que pode atacarse ó capitalismo―, escápase, pois, do presente comentario crítico á Contribución.

No capítulo segundo, Marx estuda as medidas dos valores, as teorías sobre a unidade de medida do diñeiro e as teorías sobre os instrumentos de circulación e sobre a moeda. Como diciamos antes, para un economista actual cunha teoría monetaria en pleno apoxeo, repleta de problemas sen resolver e con amplas repercusións naa política económica, a lectura deste capítulo de Marx, que por outra parte esixe un auténtico sacrificio, resulta superflua a non ser que a erudición sexa unha preocupación dominante e se trate de estudar a Marx nos seus últimos detalles, aínda que estes non constitúan unha contribución minimamente interesante ―como é o caso do seu tratamento do diñeiro― para o pensamento actual.

Doutra parte, a forma é un obstáculo case insalvable na exposición de Marx. O seu estilo denso atormentado fan que o «custo de oportunidade» da lectura sexa case prohibitivo. O propio Marx atopábase moi preocupado por este aspecto do seu traballo. Así o afirma nunha das súas cartas a Lasalle e Engels: «se tivese tempo, calma e medios para elaboralo todo antes de entregalo ó público, faríao moito máis conciso».

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]