Wikipedia:Artigo destacado/outubro 2011

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O cachalote (Physeter macrocephalus, Linnaeus 1758; antes Ph. catodon) é un cetáceo, o máis grande dos cetáceos con dentes (odontocetos).

Ríos Panisse só atopou a denominación cachalote na enquisa que realizou en toda a costa galega. A única sinonimia, en galego, que se coñece é o nome de cabrote, que cita Penas Patiño, pero sen localizar.

O dicionario etimolóxico de Corominas afirma que se trata dunha palabra de orixe incerta, e suxire que vén do latín vulgar cappula, plural de cappulum, empuñadura de espada. Outra hipótese é que derive do francés arcaico dente, similar a cachau en gascón; Fernández Casado propón a orixe no vasco cachau, grandes dentes. Non se pode deixar de observa-la relación con cachola, termo coloquial usado para designar a cabeza. O nome en inglés, sperm whale, é unha contracción de spermaceti whale (balea de esperma). Esta substancia que se extraía da cabeza do animal foi chamada esperma pola súa semellanza co líquido seminal e, de feito, críase que se trataba realmente do esperma do cachalote.

O nome científico é descritivo. Procede do grego physao, soplar, termo utilizado por Aristóteles para designa-las vías respiratorias dos cetáceos, e o nome específico, macrocephalus, alude ó desproporcionado tamaño da cabeza. Canto ó sinónimo catodon, este vén do grego cata, base, e odon, dente, e indica a presenza de dentes só na mandíbula inferior.