Wikipedia:Artigo destacado/febreiro 2022

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os anticorpos (tamén coñecidos como inmunoglobulinas, abreviado Ig) son glicoproteínas de tipo gammaglobulina, a fracción de globulinas máis abundante no plasma sanguíneo. Poden encontrarse en forma soluble no sangue ou noutros fluídos corporais dos vertebrados, ou poden estar inseridos na membrana plasmática, onde actúan como receptores nos linfocitos B. Son empregados polo sistema inmunitario para neutralizar patóxenos tales como bacterias, virus e parasitos. En xeral, considérase que anticorpo e inmunoglobulina son termos equivalentes, facendo referencia o primeiro termo á función, mentres que o segundo alude á estrutura. O termo gammaglobulina refírese ás propiedades electroforéticas das inmunoglobulinas solubles no soro sanguíneo, se ben algunhas inmunoglobulinas migran coas fraccións alfa, beta e incluso coa albumina.

Un anticorpo típico está constituído por unidades estruturais básicas, cada unha delas con dous grandes cadeas pesadas e dúas cadeas lixeiras de menor peso molecular. A molécula de anticorpo ten forma de Y; os extremos dos brazos do Y son o fragmento Fab por onde se une ao antíxeno; o pé do Y é o fragmento Fc. As moléculas dos anticorpos poden aparecer por separado, como monómeros, ou asociarse entre si formando dímeros con dúas unidades ou pentámeros con cinco unidades. Os anticorpos son sintetizados por un tipo de leucocito denominado linfocito B ou célula B. Existen distintos tipos de anticorpo, chamados isotipos, diferenciados pola forma da cadea pesada que presenten. Coñécense cinco clases de isotipos en mamíferos que desempeñan funcións diferentes, contribuíndo a dirixir a resposta inmune axeitada para cada distinto tipo de corpo estraño que encontran, que son: IgA, IgD, IgE, IgG e IgM.