Webcómic

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un webcómic é unha banda deseñada dispoñíbel para a súa lectura na internet. Moitos webcómics son publicados unicamente na web, mentres que outros se publican en papel, mantendo un arquivo en internet por razóns comerciais ou artísticas. A maioría dos webcómics están en inglés.

Malia que hai unha grande cantidade de formatos, moitos webcómics publícanse en tiras autoconclusivas que aparecen de forma periódica, aínda que hai tamén series de aventuras e historietas experimentais, incluíndo xéneros propios do medio, como os sprite cómics.

Os formatos de creación máis comúns son o .cbr e o.cbz, ademais dos formatos de textos coñecidos para os PC.

O medio[editar | editar a fonte]

O formato dixital difire ostensibelmente do papel, proporcionando aos autores toda unha serie de diferentes posibilidades. En primeiro lugar habería que facer referencias aos aspectos económicos e de distribución. Internet permite abaratar os custos e proporciona independencia editorial aos autores ao non facelos depender de editores ou de grandes grupos mediáticos ou de distribución. Isto reflíctese nun aumento das temáticas, sobre todo en países de moral máis conservadora, permitindo a introducción de temáticas abertamente violentas ou de contido sexual.

Por outro lado, o formato dixital tamén proporciona novas posibilidades técnicas que permiten superar as limitacións do papel e, ao mesmo tempo, a internet tamén pode ser utilizada para procurar novas perspectivas para a BD. Scott McCloud, un dos pioneiros das webcómics (alén de destacado teórico do medio), desenvolveu a idea de viñeta infinita que fala de liberar á viñeta dos límites impostos pola imprenta. Outros autores como Mark Fiore teñen experimentado coa interactividade e a inclusión de animación.

Outros autores tamén teñen traballado coa utilización de hipertextos ou mesmo con técnicas próximas ás do collage, coa utilización de fotos, clipart, sprite, 3D etc.