Vivan os nenos!

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Vivan os nenos!
FormatoTelenovela
Creado porNicandro Díaz
IntérpretesAndrea Legarreta
Eduardo Capetillo
Joaquín Cordero
Raquel Olmedo
Renata Flores.
Tema de aperturaVivan los niños de OV7
País de orixe México
Episodios155
Produción
Duración41 min.
Emisión orixinal
Canle de orixeEl Canal de las Estrellas
Formato de imaxe4:3
Primeiro episodio15 de xullo de 2002
Derradeiro episodio14 de marzo de 2003
Na rede
http://www.esmas.com/vivanlosninos/
IMDB: tt0331806 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Vivan os nenos! (¡Vivan los niños! na versión orixinal en castelán) foi unha telenovela infantil mexicana, readaptación da telenovela Carrusel de 1989, producida por Nicandro Díaz que se transmitiu no ano 2002 por El canal de las estrellas. Protagonizada por Andrea Legarreta e Eduardo Capetillo e antagonizada por Alejandra Procuna, contou coa actuación infantil dos nenos Daniela Aedo, Natalia Juárez, Christian Stanley e Andrés Márquez entre outros. Iniciou a súa emisión o 15 de xullo do 2002 e finalizou o 14 de marzo do 2003.

En Galicia a serie foi emitida en galego pola TVG nos anos 2004 e 2005 e acadou cotas do 20% de audiencia [1].

Sinopse[editar | editar a fonte]

A historia xira ao redor dun grupo de segundo de primaria da escola "Patria Unida". No primeiro día de clases a estes nenos preséntaselles unha nova mestra chamada Lupita Gómez e non só é moi feitiña: tamén é bastante boa e comprensiva cos seus alumnos. Acaba de entrar na escola por recomendación do porteiro da escola Don Joaquín, o seu padriño, e como acaba de licenciarse, este é o seu primeiro grupo e co que vai traballar durante todo o ano. Hai pouco, tivo que deixar a súa vila natal para vir dar clases na cidade. Lupita entaboará cos nenos unha relación algo máis que de mestra e alumnos: volveranse mellores amigos.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Esta é unha listaxe dos personaxes principais de Vivan os nenos!:

Mestres e traballadores da escola[editar | editar a fonte]

  • Lupita Gómez (interpretada por Andrea Legarreta): É a mestra do grupo de segundo curso. Ademais de bonita, é moi boa e bastante intelixente, naceu nunha vila de Xalisco; súa nai faleceu cando era nena. Vivía co seu pai Felipe no lugar antes de vir traballar á cidade. Don Joaquín non só é o seu padriño: tamén é o seu amigo e confidente. El foi quen a recomendou para que fose mestra, e pronto gañou a simpatía de todos os seus alumnos, pois é moi doce... aínda que tamén sabe como rifarlles cando se portan mal. A mestra Lupita non só comparte con eles as horas de clase, senón que tamén se preocupa polos seus problemas persoais e familiares. Por iso, pouco a pouco vai gañando o respecto e a amizade de todos os pais dos cativos.
  • Emiliano Leal (interpretado por Eduardo Capetillo): É o novo mestre de música. Cando era neno, Emiliano tamén estudou nesta escola. E non só iso, senón que tamén era un dos alumnos máis fedellos. Non obstante, Don Joaquín estímao moito, e podería dicirse que a chegada de Emiliano fixo que as clases de música sexan moito máis divertidas. Non só é o mestre, pois ao igual que Lupita interésase polos problemas dos nenos e comparte as súas alegrías. Co tempo decátase que lle gusta Lupita e fará o que estea na súa man para conquistala.
  • Alaricia Caradura (interpretada por Raquel Olmedo): É a directora da escola e adoita ser bastante severa. Adora a disciplina e a orde, pero no fondo ten bo corazón. É algo rigorosa cos nenos, pois gústalle que as regras se obedezan ao pé da letra e castígaos cando considera que non se portaron ben. Aínda que parece ser moi ríxida, quéreos e compréndeos.
  • Don Joaquín (interpretado por Joaquín Cordero): É o porteiro da escola. É un home maior e naceu na mesma vila ca a mestra Lupita. Lamentablemente a súa esposa finou hai 20 anos e dende entón traballa neste colexio, onde ten un cuarto propio para vivir. O amor da súa vida foi a súa muller, a quen recorda con moita nostalxia. Sempre lles conta as súas historias aos nenos: foi toureiro, pallaso e ata boxeador. Gústalle moito convivir cos rapaces e púxolles o alcume de "flocos de millo". Tamén lles dá consellos e todos quéreno moito.

Nenos[editar | editar a fonte]

  • Marisol Luna (interpretada por Daniela Aedo): Marisol é unha rapaza de sete anos bastante bromista e fedellona. A verdade é que é moi simpática, pois sempre anda a facer chistes por calquera cousa. A mestra Lupita di que é unha boa alumna e tamén unha boa compañeira. É moza de Diego anda sempre atrás del, pois é un chisco celosa.
  • Simoneta Molina (interpretada por Natalia Juárez): É filla do doutor Fernando Molina e a verdade é que é moi bonita e ben educada. Sabe tocar o piano e tamén practica ballet. É a alumna máis estudosa do grupo e sempre lle gusta andar limpa... pero séntese superior a todos porque seus pais teñen moito cartos. É envexosa, presumida e moi orgullosa e non atura a Ángel, por ser negro.
  • Lucas Batalla (interpretado por Andrés Márquez): É case dous anos máis grande que o resto dos nenos e fascínalle o fútbol. Está algo gordo. Cre que a solución de todo é unha malleira para bater nos demais. Nos estudos non dá unha. A pesar de que ás veces usa a súa forza para someter os seus compañeiros, é moi solidario e posúe un corazón de ouro. Gústalle tocar a harmónica.
  • Ángel Bueno (interpretada por Christian Stanley): Os seus papás son de Veracruz e son negros, como el. É o máis romántico de todos, pero tamén é esaxeradamente inocente. Iso si: é un bo compañeiro, pois é capaz de defender un amigo se alguén comete unha inxustiza na súa contra. Está moi namorado de Simoneta. O seu pai é carpinteiro e ás veces ten serios problemas por falta de diñeiro.

Outras versións[editar | editar a fonte]

Vivan os nenos! está baseada na novela arxentina Jacinta Pichimahuida, a cal tivo tres versións na Arxentina, dúas co seu título orixinal e a outra baixo o título Señorita maestra. Televisa xa realizara no 1989 unha versión desta historia titulada Carrusel, que contou cunha secuela grazas ao éxito que esta tiña.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 13 de marzo de 2016. Consultado o 12 de maio de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]