Tempo de reverberación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Repetición dun son con diferentes tempos de reverberación.

O tempo de reverberación (TR) é un parámetro que se utiliza para cuantificar a reverberación dun determinado recinto. Defínese como o tempo que transcorre entre que se interrompe a recepción directa dun son e a recepción das súas reflexións.

Habitualmente para medir o valor considérase que as reflexións finalizan cando a intensidade coa que se perciben é unha millonésima do seu valor orixinal, o que equivale a 60 dB. A medición realízase emitindo un ruído curto e seco no recinto e rexistrando como evoluciona a intensidade coa que se percibe.

Estimación do tempo de reverberación[editar | editar a fonte]

Desenvolvéronse diversas ferramentas matemáticas para estimar o tempo de reverberación que tería unha sala concreta. Unha das máis utilizadas e máis simples é a fórmula de Sabine. O físico Wallace Clement Sabine creouna para calcular o tempo de reverberación dun recinto no que o material absorbente está distribuído de forma uniforme. A fórmula relaciona este tempo co volume da sala (V), a superficie do recinto (A) e a absorción do son total (a):

TR = \frac{0,161 V}{Aa}

A fórmula de Sabine pódese mellorar se se introduce un factor de absorción (x) do aire segundo a temperatura e a humidade. Este factor ten gran importancia se se tratan grandes recintos.

TR = \frac{0,161 V}{Aa + Vx}

A fórmula de Sabine adóitase empregar só a modo de estimación. Outras fórmulas empregadas para calcular este valor son a fórmula de Eyring e a fórmula de Millington.

O tempo ideal de reverberación[editar | editar a fonte]

A reverberación nunha sala modifica de forma importante as súas cualidades acústicas. Para que a sonoridade sexa a adecuada, o tempo non debe ser nin alto nin baixo, senón axustarse ao uso que terá a sala. Así, salas con tempos baixos ou «secas» poden ser aptas para teatro ou palabra falada pero pouco axeitadas para a audición de música. Ao mesmo tempo, diversos xéneros de música esixen diferentes tempos, en xeral moito maiores que o considerado óptimo para a palabra. Todo isto fai moi difícil encontrar salas polivalentes, aínda que mediante diversas técnicas é posible «afinar» unha sala ou variar o seu tempo de reverberación.

O volume dunha sala determina directamente (xunto a outros factores como os materiais da mesma) o tempo de reverberación. O tempo óptimo é unha función do volume, e xeralmente prefírense tempos óptimos maiores cando as salas son máis grandes, e viceversa.

De maneira empírica considéranse tempos óptimos aproximados en relación co uso dunha sala, os seguintes:

Uso da sala T60 (s)
Teatro e palabra falada 0,4 - 1
Música de cámara 1 - 1.4
Música orquestral 1,5
Ópera 1,6 - 1,8
Música coral e sacra até 2,3

En particular, a música sacra require valores máis altos porque xeralmente está asociada a recintos como as catedrais, que acostuman ser moi reverberantes.