Sit tibi terra levis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sit tibi terra levis é unha locución latina, usada na Roma Antiga precristiá como epitafio. Evoca de forma poética o angoiro de pensar o peso da terra sepulcral oprimindo o corpo que xace baixo ela. Diríxese directamente á persoa defunta, implicando unha idea de transcendencia.

Pode traducirse como "que a terra che sexa lixeira», e adoitaba abreviarse nas lápidas coas iniciais S·T·T·L. Documéntanse variantes como T·L·Sterra levis sit») ou S·E·T·Lsit ei terra levis»). Equivale ás locucións cristiás máis modernas «requiescat in pace» (R.I.P.), ou, xa en galego, «descanse en paz» (D.E.P.) ou «que en paz descanse» (Q.E.P.D.).

Esta locución aparece con frecuencia na literatura latina clásica, en múltiples variacións. Así, Tibulo (Elexías, 2, 4, 50): di «et bene discedens dicet placideque quiescas, terraque securae sit super ossa levis» («e marchando dirá: que descanses ben e con tranquilidade, e que a terra che sexa lixeira sobre os ósos, ben resgardada»).