Saneamento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estación de bombeo , parte do sistema de saneamento e drenaxe da cidade de Nova Orleans

O saneamento do medio das grandes cidades, é dicir, o do medio urbano onde reside o home contemporáneo, é motivo do estudo das instalacións sanitarias, posto que dito medio ten unha influencia decisiva sobre o benestar e a saúde da poboación. As estatísticas rexistradas en diversos países amosan un notábel descenso da taxa de mortalidade coa habilitación dos servizos de augas correntes e os desaugadoiros cloacales, que vén sendo a implantación dunha rede de saneamento urbano, que ten por finalidade resolver a subministración de auga potábel á poboación, atender a evacuación das augas negras, as de chuvias e a eliminación dos lixos. Afronta tamén a protección do medio:

  • do aire polas emanacións de gases tóxicos, olores, pos e fumes;
  • dos cursos de auga e outras fontes de aprovisionamento, por descargas de líquidos domiciliarios e industriais de natureza contaminante.

Asi mesmo tamén ten grande importancia a evacuación dos residuos domiciliarios. A eliminación destes residuos determina, co tempo, a necesidade de tomar medidas para evitar a contaminación das canles onde se verquen os líquidos cloacais.