Revolución guna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nele Kantule, xestor da Revolución guna, xunto con outros gunas. (Foto de 1927).

A revolución guna refírese ao levantamento social producido entre febreiro e marzo de 1925, onde os indíxenas gunas combateron as autoridades panameñas, como unha resposta á occidentalización forzada á que foron sometidos. En dita revolución proclamouse a República de Tule, de curta existencia, e combateron os policías indíxenas contra os policías panameños.[1][2]

O 4 de marzo de 1925 asinouse un acordo de paz entre as autoridades locais e o goberno panameño, onde se renunciou á independencia a cambio do respecto aos costumes indíxenas e a autonomía da zona, que logo se convertería na comarca indíxena de Guna Yala.[2]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Durante os primeiros vinte anos de Panamá como país independente, os gunas tiveron serias diferenzas cos gobernos nacionais, porque procuraban erradicar a súa cultura, irrespetaban os seus costumes e as súas autoridades indíxenas, á parte de que querían botalos das súas terras e eran asoballados polos intendentes e os policías coloniais (un colono para un indíxena, é un non indíxena).

Ligado a isto, deuse un incidente o 20 de abril de 1921, que se escenificou en Narganá e Corazón de Jesús, onde se levaba a cabo un plan de occidentalización das mulleres guna, que consistía en mudarlles a roupa, quitarlles o aro de ouro puro do nariz, as pranchas de ouro de alto quilate, os abalorios, os güines e os colares de moeda que usaban de adornos. Pero unha muller fuxiu de Narganá e agochouse en Río Azúcar, de onde era orixinaria. A policía, en represalia, mantivo encarcerados os seus fillos e o seu xenro, quen foi liberado para que a fora buscar.

Ese día, en Río Azúcar había un congreso indíxena e alí decidiuse non deixar ir a muller, polo que o sáhila enviou, en nome da comunidade, unha mensaxe á policía indicándolle que non foran buscar a muller. Os policías fixeron caso omiso desta mensaxe e enviaron esa mesma noite unha comisión a Río Azúcar de dous policías coloniais e tres policías indíxenas. Ao intentar deter algúns dos parentes varóns da muller, empezou unha batalla onde morreron tres moradores do lugar; dous policías indíxenas e os outros foron feridos ferozmente con machete cando fuxían nun caiuco. Os cadáveres dos policías deixáronse na auga, amarrados a un pau cravado na area, até que chegaron os seus familiares a recollelos.

O ambiente seguiu tenso até xaneiro de 1925. Juan Demóstenes Arosemena era o gobernador da provincia de Colón e sentía preocupación pola información que lle dera o intendente de San Blas, Andrés Mojica, sobre un suposto movemento independentista entre os indíxenas, polo que decidiu comunicarlle ao secretario de Relacións Exteriores, Horacio F. Alfaro, que seguira de cerca as accións dos estadounidenses a misioneira Anne Coope e o explorador Richard Oglesby Marsh.

Precisamente Marsh foi o impulsor da "independencia". Ao seu regreso a Panamá en xaneiro de 1925, encontrou un conflito entre policías e indíxenas a punto de estoupar, polo que pediu a intervención de militares estadounidenses da Zona do Canal, para que exerceran un protectorado, e redactou a Declaración de independencia e dereitos humanos do pobo de Tule e Darién. Marsh obtivo o apoio do embaixador estadounidense, quen axudou a que o goberno panameño firmara un acordo de paz que garantizara os dereitos humanos e políticos dos gunas.

A revolución[editar | editar a fonte]

A bandeira da Revolución Kuna, adoptada en 1925.
Simral Colman en 1924.

A situación agravouse até o 12 de febreiro de 1925, na que se celebrou un congreso guna en Ailigandí, onde se reunieron os principais xefes de 45 aldeas e tribos. As discusións duraron 26 días, e decidiuse proclamar a República de Tule e fixáronse os seus límites territoriais.

Desta sublevación xurdiu unha bandeira, que fora confeccionada por Waga Ebinkili (María Colman), neta do cacique Simral Colman. Esta tiña un deseño rectangular con franxas. O centro era de cor amarela e os bordos de cor rubia e cunha figura esvástica no centro.

O 21 de febreiro, dez días despois da declaración de independencia, durante as festas do carnaval desatouse a revolución indíxena que se prolongou até o 27 de febreiro, a cal estivo encabezada por Simral Colman e Nele Kantule. Os sublevados indíxenas viaxaron en caiucos desde Ailigandí e Cartí co propósito de atacar os cuarteis da Policía Nacional en Playón Chico, Río Tigre, Tigantikí, Narganá, Ukapa e outros puntos do arquipélago, e executaron unha parte importante do continxente policial. O saldo foi de 27 mortos.

O 4 de marzo, coa presenza do ministro estadounidense John G. South, asinouse o acordo de paz cos indíxenas e prometéuselles un mellor trato respecto aos seus costumes; non impoñer o establecemento de escolas, e aseguróuselles a mesma protección e os mesmos dereitos dos que gozaban os demais cidadáns. Os indíxenas, en cambio, comprometéronse a depoñer as armas, a retirar a declaración de independencia e a acatar as leis de Panamá.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

O 16 de setembro de 1938, a través da Lei 2 creouse a comarca indíxena de San Blas, logo chamada Kuna Yala en 1998 e Guna Yala en 2010.[3] Coa creación da comarca, empezouse a consolidar a protección dos costumes e lingua do pobo guna.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "La revolución de los gunas". La Prensa (Panamá). 25 de febreiro de 2014. Consultado o 14 de abril de 2017. 
  2. 2,0 2,1 "A 90 años de la revolución guna". La Estrella de Panamá. 25 de febreiro de 2015. Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2018. Consultado o 14 de abril de 2017. 
  3. Valiente López, Aresio (2008). La jurisdicción indígena en la legislación panameña (PDF). Biblioteca Jurídica Virtual del Instituto de Investigaciones Jurídicas de la UNAM. p. 211 (9 do pdf). Consultado o 15 de outubro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]