Río Vaos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O río Vaos ou dos Vaos, tamén coñecido como rego dos Vaos no seu curso alto, é un afluente do río Masma que discorre polos concellos de Mondoñedo e Lourenzá, na comarca da Mariña. Na escrita é frecuente a forma Baos, incoherente coa súa orixe hodonímica, por presentar abundantes vaos, zonas axeitadas para cruzalo, onde as augas baixan calmas e son pouco profundas.

Curso alto[editar | editar a fonte]

O nacemento sitúase na parroquia de Santa María Maior (Mondoñedo), entre a serra de Lourenzá e os montes de Carracedo. Fórmase a partir da conxunción do rego dos Casteláns e o rego Seco, pola esquerda, e o rego Carracedo e o regueiro das Brañas, pola dereita. Por máis da metade do seu traxecto, bordea a aba oriental da serra de Lourenzá, que lle fornece pola esquerda as augas do rego de Coto Redondo, rego da Fraga, regueiro de Curros, rego de Lobrero, rego do Caxigo, rego das Penelas e rego de Ribón. Neste treito, os afluentes pola marxe dereita son os regos de Ferrería e dos Corgos.

Ao longo de case dous quilómetros serve como límite municipal entre a parroquia mindoniense de Lindín e a de San Tomé de Lourenzá. Preto do lugar de Oural hai un pequeno encoro para a subministración de auga ao municipio de Lourenzá, que foi dragado en 2013 para amplia-la capacidade da rede de abastecemento e protexe-la contorna fronte ao risco de enchentes[1].

Curso medio[editar | editar a fonte]

O leito do río ábrese ao val de Lourenzá á altura do lugar do Cal, e dende aquí flúe vagaroso, case sen salvar desnivel, pola feraz veiga de San Tomé, regando os cultivos de faba local, con Indicación Xeográfica Protexida.

No lugar de Mazúa, xa na parroquia de San Xurxo, recibe pola dereita o seu principal afluente, o rego do Batán. A partir deste punto, o río veu recibindo indistintamente os nomes de Vaos (ou Baos) e de Batán, se ben na actualidade, a maioría das fontes tenden a considerar o Vaos como curso fluvial principal e o Batán como afluente. Aquí troca a orientación nordeste que seguía polo sentido noroeste, que manterá ata súa desembocadura, e percorre os últimos quilómetros do val antes de formar un meandro que abraza a capital municipal, Vilanova, que lle queda á esquerda.

Curso baixo[editar | editar a fonte]

Tras pasar por baixo da Ponte da Pedra, a pendente acentúase ao abandona-la vila nunha caivanca que é salvada polo viaduto da estrada N-634. Uns dous quilómetros máis adiante pasa por debaixo dun segundo viaduto, o da autovía A-8, antes de desembocar no río Masma, preto do lugar da Ribeira.

A segunda metade do río Vaos, desde O Pereiro, constitúe un couto pesqueiro de troitas[2][3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "A Xunta rematou o dragado do encoro de Lourenzá, no que investiu preto de 1 millón de euros | Concello de Lourenzá". www.concellodelourenza.gal. Consultado o 2020-07-22. 
  2. "Pesca en Coto Lourenzá, Rio Vaos (Lugo) - ElVeril - Pesca". ElVeril (en castelán). 2011-05-11. Consultado o 2021-01-29. 
  3. Orde do 29 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2020