Priacántidos
Os Priacántidos (Priacanthidae) ou, comunmente, catalufas son unha familia de peixes mariños incluída na orde Perciformes, distribuídos por augas tropicais e subtropicais dos océanos Atlántico, Pacífico e Índico.
Índice |
Características [editar]
De corpo alargado e comprimido, a maioría non chegan a 30 cm de lonxitude, aínda que algunhas especies alcanzan os 50-60 cm. As escamas, fortemente ctenoides, son moi rugosas (con pequenas espinas) e, normalmente, dunha cor vermella brillante.
Caracterízanse por teren uns ollos moi grandes, circulares, cunha brillante capa reflectora (tapetum lucidum) e unha gran boca superior moi oblicua. Posúen unha aleta dorsal, continua, con 10 espiñas seguidas de 10 a 15 radios brandos, unha aleta anal con tres espiñas e 9-16 darios brandos, e una caudal ligeramente emarxinada ou arredondada, con 16 radios principais, dos que 14 son ramificados. As pectorais son pequenas e as pélvicas grandes, de inserción anterior ás pectorais.
Viven cerca do fondo, asociados a formacións rochosas ou arrecifes de coral e só unhas poucas especies habitan zonas abertas. A maioría presentan hábitos carnívoros e nocturnos.
Os ovos, as larvas e as primeiras etapas xuvenís son peláxicos.
Captúrase para consumo humano.
Clasificación [editar]
Existen unhas 18 especies agrupadas en 4 xéneros:
- Cookeolus (Fowler, 1928)
- Heteropriacanthus (Fitch and Crooke, 1984)
- Priacanthus (Oken, 1817)
- Pristigenys (Agassiz, 1835)
