Portal:Perú/Biografía destacada/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ollanta Moisés Humala Tasso, nado o 26 de xuño de 1963 é un político peruano de ideoloxía nacionalista de esquerdas que exerceu como presidente dende o ano 2011 até o 2016. Presentouse ás eleccións presidenciais de 2006 mais perdeu finalmente contra Alan García. O fillo de Isaac Humala, un antigo membro do Partido Comunista do Perú - Patria Vermella, uniuse ó Exército do Perú en 1982. Na súa carreira militar acadou o rango de Tenente coronel; en 1992 loitou no conflito interno contra o Sendeiro Luminoso e tres anos máis tarde pariticipou na guerra de Cenepa contra Ecuador. En outubro de 2000, Humala liderou un levantamento militar infrutuoso contra o presidente Alberto Fujimori e foi perdoado polo congreso peruano despois da caída do réxime de Fujimori.

En 2005, fundou o Partido Nacionalista Peruano e presentouse ás eleccións presidenciais de 2006. A proposta fíxose baixo o partido Unión polo Perú xa que o Partido Nacionalista non conseguiu a inscrición electoral a tempo. Gañou a primeira rolda das eleccións, celebrada o 9 de abril de 2006, cun 30,62% dos votos válidos. A segunda rolda celebrouse o 4 de xuño entre Humala e Alan García do Partido Aprista Peruano. Humala perdeu esta rolda co 47,47% dos votos válidos contra o 52,62% de García. Despois da súa derrota, Humala mantívose como unha figura importante dentro da política peruana.