Portal:Irlanda/Biografía destacada/7

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

San Patricio, nado co nome de Maewyin Succat en Old Kilpatrick (Dumbarton, Escocia) cara ao 387 e finado en Saul (Condado de Down, Irlanda do Norte) un 17 de marzo cara ao 460 ou cara ao 492, foi un misioneiro cristián, venerado como santo patrón de Irlanda pola Igrexa católica. O 17 de marzo é coñecido popularmente como Día de San Patricio porque se cre que ese foi o día da súa morte.

Unha lenda irlandesa atribúelle a fazaña de librar a illa de cobras, un acto que simbolizaba a conversión do pobo de Irlanda pois as serpes simbolizaban a Satán, o inimigo responsable da ignorancia do deus verdadeiro. Irlanda é hoxe o único país das Illas Británicas que non ten ofidios. En realidade non os ten dende a era pos-glacial. A tradición tamén lle apón a San Patricio o feito de aprenderlles ós irlandeses o concepto da trindade amosándolles un trevo de tres follas e explicándolles que, coma o trevo, Deus era unha única unidade con tres persoas distintas.