Portal:Illa de Man/Artigo destacado/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Bunscoill Ghaelgagh é unha escola de primaria cuxa lingua de instrución é a lingua manx en St John's, Illa de Man. É a única escola do mundo na que os cativos reciben as súas aulas exclusivamente en manx e que posibilita que os nenos dominen a lingua. O alumnado pode continuar a súa educación no instituto de educación secundaria Queen Elizabeth II High School en Peel, onde se ofrece a partir dos 12 anos unha materia (GCSE) en lingua manx.

En 1999, formouse a asociación de pais e nais Sheshaght Ny Paarantyn, co obxectivo de fundar unha escola na que a lingua vehicular fose a lingua manx. Naquel ano levaron a súa petición ao Departamento de Educación da Illa de Man. A escola abriu en setembro de 2001. Ao principio, tiña unha soa aula e compartía edificio co Ballacottier School en Douglas. En xaneiro de 2003 a escola foi trasladada de Ballacottier ao seu propio edificio: a antiga escola de St John's School.

A escola gañou o premio anual de Reih Bleeaney Vanannan en xaneiro de 2006 polos seus esforzos en preservar e promover a lingua, a cultura e o patrimonio manx. Foi presentado por Tony Brown quen era entón presidente do House of Keys (a asemblea lexislativa da illa) e presidente da Manx Heritage Foundation. Dende o 1 de setembro de 2020 forma parte do sistema de educación pública da illa de Man.